Redacción 15/10/2020

A máscara técnica oficial da Federación foi realizada pola empresa galega Amura Sport, que xa traballa no modelo 2.0 e ten un alto grao de filtración bacteriana e respirabilidade

 

Hoxe celebrouse a presentación desta máscara de competición, coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina; e a responsable de Amura Sport, María Regojo, ademais do xefe do Servizo de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides, e o vicepresidente da FGBm, Fernando Mosquera.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa,  participou hoxe na presentación da máscara oficial da Federación Galega de Balonmán realizada xunto á empresa galega Amura Sport. O mandatario galego destacou a capacidade de adaptación das federacións deportivas galegas como a de balonmán que “imaxinan solucións intelixentes aos problemas que dispón a pandemia”. Do mesmo xeito lembrou que “cada vez son máis os datos de científicos e expertos que avalan que coa máscara non descende o rendemento e que é a única forma segura de facer deporte”.

O presidente da Federación, Bruno López, manifestou “Estamos moi contentos co resultado, despois de moito traballo por ambas partes, acadouse un modelo ergonómico, cun alto grao de filtración bacteriana, lixeiro e cun sistema de suxeición adaptado ás necesidades do balonmán. Ademais está a provocar boas sensacións na práctica deportiva. de todos os xeitos, trátase da versión 1.0 e tanto Amura coma a FGBm xa teñen grandes avances para a 2.0; a profesionalidade e a capacidade para resolver todas as cuestións que plantexamos por parte de Amura Sport foi clave para acadar un resultado satisfactorio”.

A representante de Amura, María Regojo, destacou que “a filosofía da nosa empresa e traballar da man co deportista para poder conseguir o produto desexado. As cousas saen ben cando se axuntan forzas e nesta ocasión a Federación e Amura traballaron conxuntamente para acadar o mellor modelo de máscara para os deportistas da Federación Galega”.

A máscara destaca pola súa ergonomía, o seu alto grao de filtración bacteriana (superior ao 90%), a súa lixeireza, o seu sistema de suxeición adaptado ás necesidades do balonmán ou o seu índice de respirabilidade (13Pa/cm2). Con respecto ao seu uso, ten unha vida útil recomendada de 20 lavados (con deterxente normal a un máximo de 60ºC, na lavadora). Federación e empresa levan semanas traballando nunha máscara que se adapte do mellor xeito á práctica deportiva aínda que xa están a desenvolver o modelo 2.0.

Cómpre salientar que Federación Galega de Balonmán, tal e coma informou na pasada asemblea do 26 de setembro, investirá o 100% dos dereitos de participación da presente campaña na financiación de máscaras a repartir entre os diferentes clubs, coa finalidade de que ningún nen@ deixe de practicar balonmán pola imposibilidade de adquirilas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad