As dúas principais novidades desta modificación son a contía das sancións e o límite de tempo de estacionamento
O Concello e a Policía Local do Porriño informan de que entrou en vigor a modificación da Ordenanza Reguladora de Aparcadoiros -ORA-, segundo o acordo acadado polo Pleno da Corporación Municipal do Porriño do pasado 30 de xuño, unha vez cumpridos os prazos legais de alegacións e publicidade.
A principal causa pola que se acometera esta modificación da ordenanza foi a limitación do tempo de aparcamento. Deste xeito aténdese unha reclamación da veciñanza pola escaseza de aparcamento na zona da Praza de Abastos e a gran demanda de prazas de estacionamento que se require para atender o comercio.
A Concellería de Seguridade atendeu esta petición en aras de dinamizar o Mercado e o comercio local e dar unha solución ao problema de circulación. Promulgou a modificación da ordenanza que regula o estacionamento, contando co informe da Policía Local, entendendo que na zona do entorno da praza de abastos, debese axilizar a circulación rodada. Por estas razóns, limítase o estacionamento dos vehículos a 45 minutos e non de 90 como anteriormente, considerando ese tempo como dabondo para realizar as compras no mercado e no comercio local.
No que atinxe ás multas por infracción da ordenanza, actualizase ao establecido polas leis de tráfico, polo tanto haberá unha redución do 50% se o pagamento da sanción se fai efectivo no prazo de 20 días naturais unha vez notificada, sendo as sancións de:
– 36 € por modificar a hora de chegada despois do estacionamento .
– 24 € por falta de disco ou comprobante, superar o límite horario, estacionar de novo na mesma rúa ou praza sen que transcorreran 2 h, ou ocupar 2 prazas de estacionamento.
As prazas destinadas a persoas con dificultades de mobilidade, manterán o tempo de estacionamento de 3 h.