Redacción 14/10/2020

O C.C.D. Sta. Eulalia considera que a situación sanitaria e as restrición actuais non fan posible a celebración do evento. A organización retomou a maior parte das súas actividades, con excepcións como a propia festa gastronómica ou os ensaios da Rondalla.

 

A Festa do Codillo, a celebración gastronómica máis emblemática do concello de Mos, debería chegar á súa XXIII edición o próximo domingo, 18 de outubro, pero as especiais circunstancias deste ano 2020 levaron á directiva do Círculo Cultural e Deportivo Sta. Eulalia a tomar a decisión de suspender o evento e aprazalo ata o ano que vén. A organización entende que a situación sanitaria derivada da covid-19 é incompatible coa convocatoria de xuntanzas multitudinarias e as propias restricións establecidas dende as distintas administración impedirían manter o formato tradicional da Festa.

A presidenta do C.C.D. Sta. Eulalia, Juani Moreno, quere trasladar aos socios a esperanza de toda a xunta directiva “en que a situación epidemiolóxica estea controlada para o outono do ano que vén” e poder celebrar así, “con plenas garantías”, un evento que congregou a máis de 5.000 persoas na súa última edición. Se todo evoluciona de xeito favorable, a próxima Festa do Codillo terá lugar na contorna do Pazo de Mos na fin de semana do 16 e o 17 de outubro de 2021. A vontade da organización e manter vivo espírito festivo da celebración, entendida dende o seu nacemento como un punto de encontro amigable entre mosenses e visitantes, “pero o criterio sanitario será o que prevaleza antes de confirmar definitivamente a data da próxima edición da festa”.

A directiva quere agradecer publicamente as mostras de apoio recibidas, por parte de veciños e socios, durante os últimos meses. O Círculo atravesou un período difícil ao verse na obriga de interromper as súas actividades e só nas últimas semanas foi posible retomar a maior parte delas, iso si, adaptando o seu desenvolvemento aos protocolos de prevención da covid19. A Festa do Codillo, igual que o Festival Intercéltico O Son do Pazo, organizado pola mesma entidade, terán que agardar ata o ano 2021.

Do mesmo modo, ante a recomendación de evitar aglomeracións e reunións de grupos numerosos, tomouse a decisión de suspender os ensaios da Rondalla, unha actividade que conta coa participación, cada ano, de máis dun cento de persoas de todas as idades. Segundo Juani Moreno, “o noso desexo é que o son das gaitas, os charrascos e as pandeiretas volva aos camiños de Mos no Nadal de 2021, pero este ano preferimos ser prudentes e coidar a saúde dos músicos e dos veciños”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad