
A alcaldesa de Mos mantivo esta semana unha xuntanza coa Conselleira Ethel Vázquez sobre temas como a humanización entre o Colexio de Atín e a Igrexa de Pereiras, diversos saneamentos e axudas para varias Comunidades de Usuarios de Augas mosenses.
Na reunión falouse tamén sobre o acceso desde a A55 ao polígono, e a Conselleira comunicou á alcaldesa a resolución favorábel do estudo de viabilidade do proxecto. O custe estimado deste ascendería a uns 4,5 millóns de euros, e consistiría nun novo vial de conexión entre o polígono de Veigadaña e a A-55, e un anel de conexión interior ao polígono de Veigadaña, que conectaría directamente o anel da Lagoa co anel do Perral, cunha lonxitude de 440 metros.
O vial de conexión directo entre o devandito polígono e a A-55 resolveríase a partir da creación dunha nova rotonda na parte sur do ámbito do polígono e discorrería entre os núcleos de Arrubial e A Estivada ata a súa conexión co acceso existente á A-55 (zona de Porteliña), mellorando o devandito acceso coa creación doutra rotonda e a limpeza do vial existente. Dita conexión tería unha lonxitude aproximada de 1.300 metros.
Este proxecto busca mellorar a competitividade das empresas existentes e futuras do polígono ao dotalas dun acceso directo desde a autovía. Quedaría así totalmente conectado ás principais vías de comunicación, na súa parte oeste cara á A-55 e na súa parte este cara a a N-550 (conexión xa existente).