Seis dos concellos máis afectados pola crise de “Maderas Iglesias” -ao ser os que teñen máis veciños entre os 148 traballadores afectados- estiveron representados na xuntanza celebrada hoxe no Porriño co comité de persoal da empresa
Á convocatoria -realizada e presidida pola alcaldesa porriñesa, Eva García de la Torre- acudiron as rexidoras de Mos, Nidia Arévalo; de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e de Tomiño, Sandra González. Tamén asistiron os tenentes de alcalde de Salvaterra do Miño, Ernesto Groba e a de Ponteareas, Cristina Fernández.
De todos estes concellos, Salvaterra é o máis afectado con 34 veciños entre os traballadores de “Maderas Iglesias”. Porriño ten 25, seguido de Ponteareas con 23 e co de Mos, que anota 20; o municipio de Salceda de Caselas, ten a 10 traballadores e Tomiño, 2.
Os membros do comité de persoal e delegados sindicais expuxeron as súas críticas “ante a falla de compromiso por parte do empresario Juan Ramón Iglesias en presentar un proxecto viable que esixe o IGAPE”. E tamén amosaron a súa inquedanza porque “a Xunta de Galicia tarda en materializar o apoio que din que quere darnos”, manifestou Vicente Molares, presidente do comité laboral.
As representantes dos diversos concellos manifestaron o seu respaldo aos traballadores e deron conta das xestións que están a realizar. A rexidora mosense, Nidia Arévalo informou que “fala a diario” co novo director do Instituto Galego de Apoio e Promoción Económica (IGAPE) e adiantou, que agarda que “o vindeiro martes manteña unha reunión con vos”.
En paralelo, realizaranse outras xestións preto do empresario e dos acredores bancarios, segundo comprometeron as alcaldesas e representantes dos concellos presentes.
“Por nos non vai quedar facer todo o posible, e sabemos que a Xunta está tamén por botar unha man, para evitar a desaparición dos 148 postos de traballo que están en xogo. Temos que ter con eles unha sensibilidade especial e unha disposición absoluta para axudarlles”, concluíu a alcaldesa do Porriño, Eva García.