Redacción 06/10/2020

O Concello presenta as atividades relacionadas con “La Vuelta”, que inclúen a participación das palilleiras e dos estudantes do municipio. A Concellería de deportes organizará unha charla.

 

Onte, luns, 5 de outubro de 2020, ás 19:00 horas no Pazo de Mos, celebrouse a presentación da nova saída e actividades relacionadas con “La Vuelta” ciclista. Presentaron o acto Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos; Javier Guillén, Director de “La Vuelta”; Óscar Pereiro, Embaixador de “La Vuelta – Mos” e Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia. Tamén asistiron como invitados membros do tecido asociativo, deportivo, cultural e empresarial da mesa “Mos con La Vuelta” e concelleiros da corporación de Mos.

Na rolda de prensa, o Director de “La Vuelta” Javier Guillén expuxo as novidades do cambio de data, os municipios participantes e deu a información sobre o percorrido da 15ª etapa. Nidia Arévalo pola súa parte, presentou as actividades previas á saída do 5 de novembro relacionadas co eido musical, artístico, educativo, cultural e deportivo do Concello de Mos.

Estas actividades están a ser organizadas desde a mesa sectorial “Mos con La Vuelta”, formada polo tecido cultural, económico e social do Concello, en colaboración coas concellerías de Deportes, Educación e Cultura e da man dos centros educativos e dos clubs de ciclismo. Como gran apertura da programación terá lugar un gran concerto musical a cargo de “Milladoiro” no pazo de Mos o sábado 24 de outubro, financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. 

Dende o Concello tamén animan a todos os músicos a facer a súa propia versión musical da canción oficial de “La Vuelta” que unha vez interpretadas polas bandas, grupos e solistas da localidade serán difundidas nas redes sociais. Así mesmo, o Concello pon en marcha o concurso de debuxo “Dalle unha volta” dirixido aos ciclos de infantil, primaria e secundaria dos colexios do concello.

Os estudiantes de Artes do IES de Mos, serán os encargados do deseño da máscara oficial “La vuelta – Mos” que se poderá lucir o día da saída da etapa de Mos.                                                           

Tamén as mulleres palilleiras teñen protagonismo nesta programación previa á saída da volta ciclista; xa que a Asociación de Palilleiras de Mos, unha das asociacións culturais referente do municipio traballa activamente nun proxecto que formará parte do atrezo da saida nos exteriores do Pazo;  trátase dun deseño artesanal de encaixe de gran formato elaborado coa técnica de bolillos. Desde a Concellería de Deportes traballan a súa vez activamente na organización dunha charla que será ofrecida por un ciclista de reconocido prestixio internacional e da que nuns días se anunciará nome e data.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad