A Exposición de Celeste Garrido Chega ao Marco de Vigo da man da Deputación da Pontevedra . A mostra enmárcase no convenio asinado coa Fundación MARCO para potenciar a igualdade e visibilidade das mulleres no ámbito das artes
Carmela Silva: “Agora, máis que nunca, e cando a cultura non debe parar”
“É fundamental que a cultura non pare e neste momento máis que nunca”. Así enxalzou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no Museo MARCO, a importancia da cultura na presentación da exposición de Celeste Garrido “Os teus ollos din o que a túa boca cala”, que conta coa colaboración do goberno provincial a través do convenio asinado coa Fundación MARCO de Vigo para potenciar a igualdade e visibilidade das mulleres no ámbito das artes. No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o concelleiro de Cultura, Abel Losada; a artista da mostra, Celeste Garrido; a comisaria Pilar Souto; e o director do MARCO e tamén comisario, Miguel Fernández-Cid.
Na súa intervención, a presidenta enxalzou a mostra de Garrido “imprescindible para o conxunto da sociedade porque representa o 52% da poboación, representa ás mulleres, é unha mirada de igualdade, unha aposta pola cultura e o feminismo”. Amais, Carmela Silva agradeceu a aposta do MARCO pola cultura e sinalou que “a cidadanía despois desta terrible pandemia global está facendo unha reordenación das grandes prioridades e a cultura é unha delas”. Neste eido, o director do MARCO deulle as gracias á Deputación pola súa colaboración, “dende que tivemos a primeira conversación todo foron boas palabras e así as cousas son moi fáciles e podemos facer proxectos mellores”. Pola súa banda, Abel Caballero fixo fincapé en que “esta non é unha exposición calquera, é un paso importantísimo na cadea de revolución cultural que queremos levar nesta cidade e dende este museo”, ao tempo que destacou a “capacidade e fortaleza de Celeste Garrido e da súa obra”.
A artista Celeste Garrido, que agradeceu a todas as persoas alí presentes e ás que colaboraron na súa exposición, reivindicou que “é fundamental apoiar a cultura, que asistamos aos museos e que volvamos á normalidade dentro do posible”. Garrido tamén tivo unhas especiais palabras para Carmela Silva e resaltou que a Deputación “avala un proxecto que é Violencia Zero, un antes e un despois en Galicia, moi significativo e moi importante para a sociedade”. En canto á exposición, a comisaria Pilar Souto explicou que se trata dunha obra “que fai reflexionar sobre o feminismo, o patriarcado, e tamén sobre o nacemento, a vida, e o facernos mulleres”.
A mostra, específica para o MARCO, está deseñada a partir dunha coidada selección de obras en distintos formatos, na súa maioría de nova produción, que constrúen un relato en torno á temática do corpo material, como soporte, como suxeito e como receptor. Amais, Celeste Garrido fai especial alusión ao corpo feminino e ao vestido como símbolo, traballando dende unha perspectiva conceptual. A exposición, englobada no traballo da autora ao redor da identidade e das cuestións de xénero, poderá ser visitada ata o 14 de febreiro do 2021, en horario de martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, e domingos, de 11.00 a 14.30.