Redacción 01/10/2020

O audiovisual promociona o festival da man do grupo León Benavente e pon en valor o territorio, a gastronomía e as persoas produtoras locais.

Carmela Silva agradeceu “a resistencia” das promotoras dos RíasBaixasFest “por saber converter unha grande dificultade nunha oportunidade”.

Un Atlantic Fest reinventado para “este tempo de pandemia”, e todo o traballo que xa está a facer cara a edición do 2021. Cunha mensaxe optimista e cheo de positividade, a organización do Atalantic Fest de Vilagarcía, acompañados da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde, Alberto Varela, presentaron hoxe o vídeo promocional deste ano “Atlantic Sessions”, que pon en valor o territorio, as persoas produtoras e a gastronomía do Salnés.

Como subliñou a presidenta provincial, tanto as persoas promotoras deste festival como o Concello de Vilagarcía “apostaron pola resistencia”, por manterse, e foron quen “de facer que unha grande dificultade se convertera nunha oportunidade”, reinventando a edición deste ano. Deste xeito, “Atlantic Sessions é un documental que supón unha acción exclusiva da organización do Festival coa Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, para a promoción do territorio de Arousa. Está protagonizado polo grupo musical León Benavente, que no audiovisual coñece o produto local, máis concretamente as ameixas, a través das mariscadoras de Amarcarril e das mulleres do sector da restauración. Así mesmo promociona a Illa de Cortegada cunha visita e unha actuación xunto á Ermida da Virxe dos Milagres recollida no vídeo.

O obxectivo do vídeo, como engadiu Susana Laya, directora do festival, “é ver a través dos ollos da xente que nos visita como é a experiencia de visitar a cidade por primeira vez”. “Esperamos –apuntou- facer máis traballos como estes proximamente para que se vexan os tesouros que temos ao redor e  que nós xa practicamente non vemos porque estamos acostumados a eles”. Laya engadiu que a organización xa traballa na edición do 2021 tanto coa súa estrutura habitual de concertos como “nun plan B” por se hai que adaptalo de novo ás circunstancias, “segundo evolucione a situación sanitaria”.

Carmela Silva destacou así mesmo a importancia deste vídeo e dos que se elaborarán en datas próximas,  “primeiro, porque manteñen a marca; segundo, porque lle din á xente que se vai manter, polo tanto é unha mensaxe de optimismo, de que estamos aquí e imos seguir; e amais, porque poñen en valor algo moi importante, que é todo o que ten que ver cosas políticas de proximidade: o produto local, a actividade empresarial local, a gastronomía, o territorio, as mulleres, e a aposta polo medio ambiente e a sustentabilidade”.  “Queremos –insistiu-  emocionar a moita xente para que o ano que ven haxa un Atlantic Fest, xa sexa de modo A, coma sempre, ou senón con un plan B porque imos seguir na resistencia, no optimismo e nas gañas de seguir sendo referencia musical dun turismo sostible, atractivo, ligado ao territorio e a cultura”. A presidenta reiterou o apoio a todos os festivais Rías Baixas, “unha marca consolidada que fai que se nos recoñeza non só na provincia e en Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional”. “É un fito moi relevante da actividade na provincia e de feito, somos a provincia de Galicia que ten máis festivais musicais”, indicou.

Pola súa banda, o alcalde Alberto Varela amosou o apoio da administración local ao festival e agradeceu aos organizadores, “máximos expoñentes do talento local e do sector cultural” a reinvención do evento e o feito de “non tirar a toalla, do que é proba este vídeo”. “A cultura é segura –dixo-, a vida continúa e temos que tomar precaucións pero non podemos deixar caer o sector cultural. Entre o seu esforzo e o apoio das administracións , os eventos culturais, o noso talento local, ten que continuar. Creo que a noticia ten que ser amais que xa se está traballando no Atlantic do ano que vén. Era moi importante o apoio das administracións nunha situación excepcional que sen o músculo administrativo moitos sabiamos que ían caer. E eu tiña moi claro que se algunha administración non ía deixar aos concellos de lado era a Deputación”. Varela tamén  subliñou que o audiovisual “recolle as cousas das que estamos mais orgullosos nesta cidade, a nosa illa de Cortegada, que o pobo tivo que a defender con uñas e dentes, e tamén o produto local, a ameixa de Carril, as nosas asociacións, as nosas mulleres, Amarcarril, Corticata, e todo o bo facer que se está a facer pola xente de Vilagarcía”. E concluíu dicindo que “temos que quedarnos coa mensaxe de que os que teñen que idear xa o están a facer para o ano que ven, esperamos que non coa nova normalidade, senón coa normalidade de sempre”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad