Redacción 30/09/2020

Alba González, Ester García, Iván Villarmea e José Manuel López recibiron os galardóns no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra nun acto conducido por David Amor e coa música de María Villanueva

A presidenta da Academia, Ana Míguez, subliñou “o progresivo aumento de traballos presentados e que este ano foi no que máis mulleres participaron”

 

O audiovisual galego vive “unha grande revolución, con proxectos cheos de talento, que están a recibir recoñecemento nacional e internacional, con moito nivel e películas que están xirando por todo o planeta feitas no noso idioma, protagonizadas por persoas de aquí, con guionistas, directores e produtores galeg@s” enxalzou Carmela Silva na entrega dos IV Premios María Luz Morales, impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas. O acto, contou coa presenza da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez, cos representantes das deputacións da Coruña, Lugo e Ourense, e foi conducido polo actor e humorista David Amor e amenizado coa montaxe e a música de María Villanueva.

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra, con redución de aforo e protocolos debido á Covid, aplaudiu ás dúas mulleres e dous homes que este ano conseguiron os galardóns aos mellores traballos do audiovisual en Galicia. Na modalidade de videoensaio sobre o audiovisual galego o galardón foi para Alba Gallego por “O vídeo esquecido”, unha reflexión sobre o vídeo caseiro gravado en Galicia dende os 90 ata hoxe.

No que respecta ao videoensaio sobre audiovisual internacional o distintivo foi para Ester García por “Le temps (ne) detrouit (pas) tout”, unha proposta de ordenación da historia do cinema comparando e dividindo grupos de cineastas cuxa interpretación do paso do tempo é antagónica.

Pola súa banda, o premio ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego recaeu en Iván Villarmea (recollido por María Julia Concepción Álvarez) por “Leña aos ollos! A paisaxe forestal no Novo Cinema Galego”, centrado nas árbores e forestas como protagonistas recorrentes no Novo Cinema Galego.

Finalmente, e na modalidade de ensaio escrito sobre audiovisual internacional, o premio foi para José Manuel López por “Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen”, que detalla a historia dun home perdido, extravagante, que fuxe da dor en Nova York, a cidade do exceso. As persoas premiadas recibiron 1.200 € e trofeo conmemorativo amais de que os ensaios gañadores serán publicados na web da Academia Galega.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación puxo en valor a investigación científica sobre o audiovisual, e o obxectivos destes premios “para visibilizar a figura da galega Mari Luz Morales e sacala da escuridade e do silencio”. Silva recordou que “falamos dunha pioneira do xornalismo cultural no século XX e a primeira muller en dirixir un xornal de tirada nacional en España. Unha muller feminista, republicana, galeguista, que sufriu a represión franquista, autora dunha extensa obra literaria e que é toda unha referencia que debemos dar a coñecer e poñer en valor”. Neste contexto, a presidenta remarcou “o papel que están a xogar as mulleres nesa revolución do audiovisual en Galicia con tantos traballos presentados” e no feito que que o xurado foi “integramente feminino”, formado por profesoras universitarias, doutoras e xornalistas da talla de María Teresa Vilariño, María Soliña Barreiro e Belén Regueira.

A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez, explicou que o principal propósito destes premios é “o de fomentar a investigación do audiovisual cunha perspectiva tanto galega como universal, favorecendo a aparición de novos paradigmas, análises creativas e puntos de vista innovadores dende os que achegarse ao noso patrimonio. Unha iniciativa, dixo, que responde a un dos obxectivos principais da Academia que non é outro que o de promover a investigación científica no ámbito audiovisual galego”. Miguez engadiu que “non hai mellor símbolo para falar da nosa historia audiovisual que a figura de María Luz Morales, referente a nivel estatal no xornalismo e no ensaio, pioneira na crítica cinematográfica e figura destacada na defensa dos dereitos da muller. Por iso, rematou, é un orgullo que nesta edición, na que seguiu aumentando o número de traballos presentados, os realizados por mulleres fose superior ao de todas as convocatorias anteriores”.

Durante o acto, a artista María Villanueva rendeu homenaxe coa súa música e montaxe ao traballo e á memoria de Mari Luz Morales, producción realizada expresamente para este evento e inspirada no final da película Cinema Paradiso. Villanueva fixo fincapé no empoderamento e na reflexión, no desexo feminino, nas mulleres libres e loitadoras e na liberdade de amar con temas como “En la plaza de mi pueblo”, “Se dice” e obras tradicionais galegas como a “Xota de San Xusto”, “Muiñeira de Mondariz” e “Meder”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad