
Dende outubro e ata rematar o ano -con opción de amplialo- os primeiros fin de semana de mes a vila salcedense acollerá diversas actividades como descontos nos comercios, pinchos e consumicións a 2 €, música ou animación infantil
O Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Comerciantes da vila -ACISA- presentaron esta mañá o programa “Noites na Rúa”, que cada primeiro fin de semana de mes vai acoller diversas actividades culturais e descontos nos establecementos participantes e nos locais de hostelería. O obxectivo é o de dinamizar o comercio local nestes momentos complexos tras os meses de confinamento e restricións derivadas da pandemia da covid 19. A alcaldesa, Loli Castiñeira, e a Concelleira de comercio, Verónica Tourón, estiveron acompañadas pola presidenta e a secretaria de ACISA, Elisa Rodríguez e Alicia Cidanes.
Un total de 25 establecementos participan na iniciativa, 16 comercios de diversos sectores que ofrecerán descontos do 25% e permanecerán abertos ata as 22:00 h nos días de actividade, e 9 locais de hostelería que ofrecerán ofertas de “pincho máis consumición” dende 2 €. A programación complétase, nesta primeira fin de semana, con animación infantil polas rúas na tarde do venres 2 de outubro e co concerto de “El Patio” o sábado 3 ás 21:00 h na Praza do Concello. Ademais haberá reparto de flocos de millo gratuítos a tódalas nen@s que queiran achegarse.
Deste xeito, comercio, hostelería e Concello queren ir da man nun momento complexo para o pequeno comercio, fomentando o consumo no pobo e atraendo ao mesmo tempo a posible clientela que poida achegarse dende outros Concellos.
Esta iniciativa únese a outras accións de apoio ao sector comercial dende o inicio da pandemia, como foi a bonificación de diferentes taxas durante os meses do confinamento ou a recente instrucción aprobada en Xunta de Goberno que lles permite aos locais de ocio nocturno contar cun permiso provisional de bar para que poidan exercer esta actividade mentres dure o peche do ocio nocturno, que no caso de Salceda afecta a seis establecementos.
A concelleira de Comercio, Verónica Tourón, agradeceu especialmente a colaboración de ACISA non só nesta actividade se non ao longo de todo o ano pois “as noites na rúa tiveron que irse adiando por mor da COVID, pero agora estamos en condicións de ofrecer este programa con seguridade para a veciñanza e aplicando tódolos protocolos precisos neste momento. Temos a sorte de que o comercio de Salceda resistiu ben a esta crise, polo que actividades coma esta seguirán a fomentar o consumo no noso pobo”.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, agradeceu o traballo realizado pola concelleira de Comercio, Verónica Tourón, en apoio ao sector do comercio local, lembrando que “é a hora de devolverlle ao comercio todo o que nos deu nos momentos do confinamento, en que estiveron á nosa disposición para o que fomos precisando, e ademais facémolo poñendo en valor dous sectores dos máis castigados pola pandemia: a cultura e o pequeno comercio”.