Debido á precaria situación das finanzas públicas que o Concello arrastra dende hai uns anos, o goberno mosense está realizando un importante esforzo de contención de gasto para o cal, co fin de sufragar obras, recorre de maneira constante a subvencións doutras administracións, entre as que destaca a Xunta de Galiza. Hoxe, os socialistas de Mos emiten un comunicado no que denuncian a publicación de datos ficticios sobre as subvencións da Xunta por parte do Concello con fins propagandísticos e piden rigor na información.
Na actualidade estanse a rematar os arranxos no Camiño da Quiringosta en Mos que se anunciaban hai unhas semanas. Esta obra orzamentábase en 42.769,87€ e, supostamente, empregaríase unha subvención concedida pola Xunta de Galicia, segundo anunciaban fontes da administración local.
Os socialistas de Mos denuncian que tal feito non é así, debido a que a meirande parte dos fondos proveñen do FEADER, un Fondo Social Europeo para o desenrolo rural, cunha subvención de 26.510,24€, da Xunta de Galiza 6.185,73€ e do Ministerio de Agricultura e Pesca 2.651,03€. Ademais a obra conta cun investimento municipal de 7.422,87€. Á vista do acontecido e que o Concello de Mos quere atribuír subvencións de fondos da Xunta de Galiza que son doutras administración locais, os socialistas din sentirse na obriga de solicitarlle o Concello que informen de forma rigorosa en canto as subvencións.
A voceira socialista, Victoria Alonso, pídelle a actual rexedora que “non engane á veciñanza con subvencións que non son da Xunta, e que abandone esta actitude de intentar menospreciar e desprestixiar a outras administracións que tamén están a facer investimentos no Concello”. Engade que “parece que xa comezou a campaña de cara as vindeiras eleccións, e quere atribuírlle a Xunta investimentos que non son tan elevados cun interese político”. Recórdalle que como rexedora local, o seu deber é informar de forma precisa da administración da que proveñen as diferentes axudas.