“Unha xanela de oportunidades para as zonas rurais” é o lema dun novo audiovisual que se estreará este domingo para promocionar o sector turístico. Pese aos efectos da pandemia sobre o turismo, a deputación confía en que a súa promoción poida contribuir ao futuro do rural.
A Deputación de Pontevedra estreará este domingo un novo audiovisual centrado na sustentabilidade do destino Rías Baixas para sumarse á celebración do Día Mundial do Turismo que este ano está dedicado ao desenvolvemento do mundo rural. O vídeo, “que mostra a marabillosa natureza que temos no territorio, tanto de costa como de interior, está enmarcado na campaña de difusión “Sigue o teu instinto” e reflicte a defensa do medio ambiente na liña do turismo seguro, responsable, de preservación do patrimonio, das experiencias e da posta en valor do local, que a institución ven desenvolvendo nos últimos anos que, explicou a presidenta Carmela Silva, “persegue os valores e obxectivos da Axenda 2030”.
O audiovisual poderase ver este domingo nas webs da Deputación e de Turismo Rías Baixas e nas redes sociais corporativas. A presidenta recoñeceu que a celebración chega nun momento “difícil” debido á pandemia, co sector turístico moi afectado, con entre 100 e 120 millóns de empregos en perigo, e cunha perda do PIB mundial. “Aínda así, sinalou, co noso audiovisual queremos enviar unha mensaxe de optimismo, porque temos que ser optimistas e porque a propia pandemia tamén se presenta como oportunidade para sumar sinerxías e reiniciar o turismo”. “Estamos convencidas de que o rural ten futuro e que o turismo pode ser un alicerce moi relevante para ese futuro, para coa preservación e o coidado xerar actividade, fixar poboación e crear emprego. Os seus valores son os que, agora coa pandemia, está a demandar a xente”.
Unha aposta que referenda o traballo de 5 anos
Carmela Silva incidiu no papel determinante que xoga o turismo no territorio e nun bo aproveitamento dos recursos locais. Nese sentido, subliñou a aposta que cos investimentos da Deputación se ven facendo estes anos nos concellos da provincia. “Son moitísimas actuacións, ligadas ao propio turismo, de promoción, de posta en valor dunha rede de oficinas turísticas, de apoio a proxectos propios pero tamén, xunto a isto, temos aprobado moitos recursos para que ese mundo rural teña todos os equipamentos, dotacións, servizos, actividades que permitan facelo atractivo tanto para a xente que vive nel como para as persoas que veñen visitarnos”
Entre os exemplos da importancia para o turismo que ten dotar ao territorio de equipamentos e actividades, a presidenta sinalou iniciativas de mobilidade peonil como as sendas, actuacións no patrimonio cultural e natural como a das Salinas de Vilaboa, o Pazo de Besada en Poio, o Estaleiro de Banda de Río en Bueu, as Torres do Oeste de Catoira, as vivendas modernistas da Illa, o patrimonio arqueolóxico en Nigrán, os Muiños do Folón do Rosal, ou as pozas da Tafon; ou recuperación de lavadoiros e fontes.
Recordou tamén que “apostamos por dotacións para transformar o rural”, con centros socioculturais e auditorios (en concellos como O Rosal, Tomiño, Moraña, Mondariz, As Neves, Cambados, Cerdedo-Cotobade, Covelo ou O Grove, a casa do pobo de Xesta ou do Pelete na Lama, Pedornes en Oia ou a casa da cultura de Caleiro en Vilanova) e bibliotecas (como as de Nigrán, Moaña, Lalín ou Salvaterra). Amais, fixo referencia aos recursos achegados para equipamentos deportivos como piscinas (citando ao concello de Bueu), ximnasios (como os da Illa ou Forcarei) e outras instalacións como o skatepark en Gondomar ou no Grove, ou zona recreativa e ximnasio no Terrón en Vilanova.
Tamén destacou Silva a aposta polo emprendemento, a formación e a tecnoloxía no rural “que fará que sexa máis competitivo dende o punto de vista turístico, contribuíndo a fixar poboación”. Nese eido citou proxectos como DepoEmprende na Escola, os viveiros, coworking, ou iniciativas como Turistic e Tic Emprendes, “para que a mocidade fique no territorio a través da formación en novas tecnoloxías”. “É fundamental apostar polo turismo sostible e respectuoso co medio ambiente, conservando a biodiversidade, o que vai redundar no benestar social e a seguridade do mundo rural”.
Comeza a campaña de outono “Sigue o teu Instinto”
En relación coa promoción anual do destino 2020, Carmela Silva informou que a próxima semana comezará a campaña de outono de “Sigue o teu instinto” “para levar o nome desta provincia por todos os recunchos como un destino seguro, responsable, sostible e cheo de experiencias”. A presidenta desexou que “teña o mesmo alcance que o que obtivemos este verán que foi espectacular con máis de 24 millóns de impactos cando agardabamos 2o millóns a finais de ano”.
A campaña realizarase en medios off line de referencia a nivel nacional e, on line en medios de comunicación dixital e Redes Sociais. Así, o destino Pontevedra Provincia estará presente en publicacións especializadas como Traveler, National Geographic Viaxes, Muy Interesante, Quo, El Cultural, os xornais El País ou El Mundo e medios do Grupo Vocento, Grupo Zeta e Grupo Godó. En canto a redes, desenvolverase en Facebook, Youtube e Instagram para chegar a numeroso público urbano de mediana idade que busca escapadas para esas datas. “As persoas que viaxan deben saber que somos un destino seguro, comprometido coa súa saúde e cunha ampla oferta de actividades na natureza e no medio rural”, unha mensaxe que tamén coincidirá coas pontes do 12 de outubro e o 1 de novembro. Nas pontes a campaña contará cunha duración media de 12 días e no caso da ponte de novembro terá unha segmentación especial con captación en Madrid e Asturias.
“Fame de Experiencias” segue batendo récords
A presidenta da Deputación tamén informou do “auténtico récord de premios” que segue a colleitar o audiovisual da campaña turística 2019, “Fame de Experiencias”, que esta semana obtivo un novo galardón no Festival Internacional de Cine Turístico de Turquía, que forma parte do circuíto de festivais do CIFFT (Comité Internacional de Festivais de Cine Turístico). “Fame de Experiencias” conseguiu o Premio de Ouro do certame ao Mellor Vídeo de Produto Turístico, despois de ser seleccionado entre 350 películas de 75 países. Laura Fontán, directora do vídeo xunto a Alberto Baamonde de Esmerarte, foi a encargada de recibir o premio na gala que se desenvolveu na Capadocia turca, na espectacular contorna do Val dos Monxes de Pasabag.
Trátase do 9º recoñecemento internacional para “Fame de Experiencias”, tras os de Fitur, Golden City Gate de Berlín, New York Festivals TV & Film Awards, International Tour Film Fest de Bulgaria, Festival de Turismo de Riga, US International Film & Video de Los Ángeles, SilaFest de Serbia e no Terres Festival, “que revalidan –en palabras de Silva- a aposta da Deputación por un modelo vangardista de promoción turística”.