
Aprobada por unanimidade a moción de C21 en apoio a Banda de Música Popular de Tui
A Corporación de Tui acaba de aprobar unha moción de C21 na que se solicita, entre outras cuestións, que se lle facilite un local de ensaio a esta banda de música de tanta tradición e prestixio.
A Banda Popular ensaiaba ata agora no Conservatorio de Música pero con motivo da crise do COVID se lles retirou esa posibilidade, quedando sen espazos para poder practicar o seu novo repertorio que teñen previsto estrear o 12 de outubro.
Debido a isto, a dirección da Banda emitiu un comunicado no que se queixaba da falta de solucións por parte do Goberno Local e ante isto o concelleiro do partido liberal, José Palacín, presentou esta moción na que solicitaba literalmente a procura de un local de ensaio que cumpra as medidas protocolarias COVID 19 e que acusticamente sexa aceptable, debendo incluír un espazo para gardar os instrumentos e por último unha oficina para realizar o seu traballo administrativo e promocional.
Tras un debate entre os grupos da Corporación finalmente chegouse a un compromiso por parte do Goberno que consiste en arranxar esta situación nos termos que indica a moción de C21.