Redacción 25/09/2020

Así o afirma a alcaldesa do Porriño ao anunciar que ADIF adxudicou os estudos e redacción do proxecto por 854.000 €

 

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, anuncia aos porriñeses que “a ansiada supresión do paso a nivel ferroviario polo centro da vila está dende hoxe máis preto de materializarse, grazas a que o Goberno Central ven de adxudicar os estudos e a redacción do proxecto para a súa supresión”.

A alcaldesa foi informada esta mañá polo Ministerio de Transportes que  ADIF resolveu a licitación que estaba en curso. O contrato adxudicouse a unha unión temporal de empresas formada polas firmas “GOC” e “Prointec” por un importe de 854.603 €.

A rexidora anunciou que “de inmediato comezarán os primeiros traballos técnicos sobre o terreo con catas para o estudo xeotécnico” segundo a información que recibiu de ADIF. Eva García manifestou agardar que “o proxecto unha vez redactado, teña o desexable financiamento público para que se faga realidade”.

Nos últimos anos, a alcaldesa do Porriño mantivo varias entrevistas de traballo cos responsables de ADIF -a última en marzo antes da declaración do estado de alarma- para activar este proxecto tan demandado pola cidadanía. 

O Ministerio explica nunha nota oficial remitida hoxe ao Concello do Porriño que a “complexidade da actuación a acometer nunha contorna densamente edificada, require abordar unha serie de estudos e proxectos agora licitados cara a definir as obras que finalmente van permitir a supresión do paso a nivel”.

Entre as razóns que explican a complexidade da actuación, a nota ministerial lembra a considerable circulación de tráfico rodado (ao redor de 6.500 vehículos diarios), de peóns que transitan por esa zona e que, ademais, hai unha media de 33 circulacións ferroviarias diarias.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad