Redacción 24/09/2020

Dende a Banda de Música Popular de Tui queren expresar o seu malestar co Goberno Municipal, co Conservatorio e a Escola de Música Municipal de Tui, tras a súa negativa constante nos últimos meses a ensaiar no Conservatorio Municipal, lugar onde levaban 18 anos desenvolvendo a súa actividade

 

 

Este xoves día 16 de setembro, recibiron unha chamada do director do Conservatorio, na cal se lles esixía retirar todo o seu material (cadeiras, material de percusión,etc.), cousa que nunca se lles notificou por parte do concello. Ante este situación, vense na obriga de gardar o material en diversas casas particulares dos compoñentes da agrupación, sen contar o gasto económico que supuxo desprazar todo ese material.

 

Dende a volta á “nova normalidade”, nunca puideron volver a utilizar o local de ensaio. Sempre tentaron dialogar co concello para buscar unha solución ao problema, sen acadar resposta nin preocupación algunha. A premisa dada para a entrega das chaves foron as recomendacións sanitarias ante a Covid-19, pero non teñen moi claro a finalidade desta decision, xa que dende hai tres meses a Banda de Música está realizando ensaios no pavillón de deportes de Guillarei, ocupado actualmente polo Colexio, con todo o protocolo sanitario establecido pola Xunta e ser ter ningún contratempo ata a data. Cren que isto é só unha escusa, xa que sempre estiveron dispostos a tomar as medidas adecuadas para que non houbera ningún problema (desinfectar as zonas utilizadas, ensaiar ao aire libre, grupos reducidos…) ensaiando no propio conservatorio.

 

Resultalles incrible ter que abandonar o establecemento onde realiza as súas actividades o Conservatorio e a Escola de Música Municipal de Tui, cando foi precisamente a Banda de Música Popular de Tui quen impulsou e deu os primeiros pasos para que Tui teña hoxe un conservatorio de música profesional.

 

Por outra parte, tamén queren mencionar a súa admiración pola magnífica xestión que se está levando a cabo nos concellos veciños coas súas respectivas bandas, servindo como exemplo neste caso o Concello de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas… nos cales apostan por unha cultura local segura.

 

A Banda de Música Popular de Tui segue aberta ao diálogo para chegar a unha solución na que poidan seguir realizando a súa actividade con toda normalidade.

 

Tamén queren dar as gracias a todas as persoas que os apoia e lles ofrece a súa axuda, a cal é moi importante nestes momentos tan complicados para todos.

 

 

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad