A Asemblea da Comunidade de Montes dá luz verde ao proxecto de instalación de paneis fotovoltaicos. O investimento total ascende a medio millón de euros e realizaráse en tres fases, autoconsumo, producción e abastecemento, beneficiando ás familias comuneiras de Tameiga e ás empresas situadas en Monte Faquiña. A primeira fase do proxecto, que se acometerá de forma inmediata, é unha instalación fotovoltaica de 25kw para autoconsumo no seu Centro social As Pedriñas, se ben está prevista para dobrar a súa potencia.
A transición enerxética require dunha maior implicación dos cidadáns, institucións e empresas locais nos proxectos enerxéticos que se realicen a nivel municipal a través do desenvolvemento de comunidades enerxéticas. Trátase de lograr que estes proxectos acheguen tamén beneficios sociais, económicos e ambientais que repercutan no ámbito local, conseguindo unha maior aceptación destas actuacións. Para a consecución destes obxectivos nace a Comunidade Enerxética Local en Tameiga.
O principal obxecivo da empresa é brindar beneficios económicos, sociais e ambientais aos membros da comunidade ou á área ou áreas locais nas que están activos, en lugar de ter finalidade lucrativa. Tamén se basea no principio de participación aberta e voluntaria: a afiliación nunha cooperativa está aberta a todas as persoas como usuarios finais dos seus servizos e as cales están dispostas a aceptar as responsabilidades da devandita pertenza.
Outro dos valores básicos desta comunidade será a gobernanza democrática da empresa, de maneira directa e baseada na igualdade de dereitos na toma de decisións (é dicir, unha persoa por voto). Tamén se recoñece a autonomía e independencia: a empresa está controlada polos membros ou accionistas que participan como usuarios finais; os investidores externos ou as empresas que participan na comunidade non deben ter unha posición de control dentro do consello.
Para desenvoler este proxecto elixíronse tres emprazamentos do polígono industrial de Monte Faquiña onde se localizarán as instalacións de xeración con tecnoloxía fotovoltaica. O aforro de emisións sitúase en 32,54 toneladas equivalente de petróleo, ou o que é o mesmo, reducirá a emisión de 766 toneladas de CO2 cada ano a atmósfera. Tamén se proxecta realizar unha instalación de autoconsumo fotovoltaico na sede da CMVMC Monte Faquiña. Nesta instalación instalarase o material didáctico para que os visitantes do centro poidan ver como funciona.
As instalacións propostas divídense en tres fases: a primeira, de autoconsumo, no Centro Cultural “ As Pedriñas”; a segunda, de producción ou venda á rede, na nave industrial Autos Vella; e de autoabastecemento, con dúas intervencións no futuro parque de autocaravanas e nunha nave industrial da estrada Puxeiros-Mos. En total deséñase unha potencia total de xeración de 270kW, que poden chegar a producir 380MWh ao ano. Esta enerxía representa o 32% do consumo dos comuneiros que forman parte da CMVMC de Tameiga e será comercializada por Nosa Enerxía. O valor medio desta enerxía no mercado final do consumidor doméstico tería un valor estimado de 74.000€. As previsións diarias de produción e a xestión da carga, permitirá que os comuneiros e os socios industriais da comunidade enerxética axusten a súa curva de demanda á de xeración, de forma que toda a enerxía xerada será consumida na mesma comunidade enerxética