Carmela Silva enxalzou a sensibilidade do goberno de España por achegar material ao mundo local: “o custe das máscaras para as familias máis vulnerables é enorme”
Maica Larriba agradeceu a colaboración da Deputación: “Temos que traballar de forma conxunta e coñecemos a súa eficacia e eficiencia para distribuír o material”
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, para coordinar o reparto das preto de 100.000 máscaras que, procedentes do goberno do estado, realizará este mércores a institución provincial entre os concellos de menos de 20.000 habitantes. Na reunión virtual ambas mandatarias coincidiron ao poñer en valor a importancia do traballo conxunto, da cogobernanza e da suma de sinerxías entre as administracións para facer fronte á pandemia.
Non se trata da primeira vez que ambas institucións traballan e colaboran, por iso, a presidenta provincial agradeceu a confianza depositada polo Goberno de España a través da Subdelegación para poder achegar este material sanitario aos concellos: “hai moita xente con dificultades para poder ter máscaras. Estou moi preocupada polas familias vulnerables, xa que para elas dispor de máscaras é un custo enorme. Por iso agradezo a sensibilidade do Goberno de España, que tamén me gustaría da Xunta de Galicia”. Neste eido, a presidenta fixo fincapé na necesidade da “co-gobernanza para facer fronte a esta situación” e adiantou á subdelegada que “mañá mércores xa estarán todas as máscaras distribuídas, cun reparto equilibrado atendendo a criterios obxectivos de poboación”.
Así, a Deputación de Pontevedra fará entrega de 1.000 unidades entre os concellos da provincia con poboación de menos de 3.000 habitantes, 1.500 unidades entre os que teñan entre 2.000 e 5.000 habitantes, 2.000 máscaras naqueles con entre 5.000 e 10.000 habitantes, 2.500 entre os que teñan entre 10.000 e 15.000 e 3.000 unidades aos concellos con poboación comprendida entre as 15.000 e 20.000 persoas.
Pola súa banda a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asegurou que “ao igual que as veces anteriores sabemos, recoñecemos e agradecemos a eficacia e eficiencia da Deputación para facer chegar estes envíos aos concellos”. Larriba destacou a importancia da suma de sinerxías e do traballo colaborativo entre administracións xa que “hoxe, máis que nunca, todas e todos temos que estar unidas e unidos porque, como di o presidente do Goberno, esta é unha loita epidemiolóxica e non ideolóxica”.
O obxectivo deste novo reparto é apoiar ás entidades locais e familias, coincidindo coa inauguración do curso escolar, entregando máscaras para que sexan empregadas por aqueles colectivos máis vulnerables dos concellos, xunto a persoas operarias de limpeza e residuos sólidos, traballadoras e traballadores sociais e policías locais. O material que repartirá a Deputación de Pontevedra forma parte dos 15 millóns de máscaras que está a distribuír o Goberno de España a través da FEMP.