Hoxe produciuse no Concello a sinatura da cesión de terreos do que na actualidade é o proxecto máis grande de toda Galicia do Plan Hurbe, e cuxo orzamento total ascende a case 400.000 euros, dos que a administración autonómica asume o 70%, e o Concello financia un 30%.
Esta obra de humanización integrará o Centro Dotacional, o antigo Centro Cultural e a Igrexa de San Mamede nun espazo máis humanizado e habitable. Trátase dunha das principais promesas do programa electoral do goberno local mosense á que se dá cumprimento coa posta en marcha do proxecto. A actuación abarcará uns 7.000 metros cadrados e suporá un cambio radical na parroquia, facendo máis habitable e humanizado o centro neurálxico da mesma; onde se concentran habitualmente gran número de veciños e foráneos que acuden a diario a esta zona para participar en actividades lúdicas, relixiosas, culturais, musicais, etc.
O Concello de Mos agradeceu á Asociación de Veciños a cesión de estes terreos e á arquitecta mosense, Estefanía Grandal, que quixo sumarse desinteresadamente a este proxecto, xa que é veciña da parroquia de Torroso. O prazo de execución desta obra é de 9 meses e os traballos a realizar consisten nun proxecto de urbanización e acondicionamento para uso de lecer e esparcemento, tratando de unificar o conxunto do vial e o torreiro da festa cunha pavimentación con materiais pétreos, así como deseño dunha peza de unión realizada con pedra. Nesta peza concéntrase a maior parte da intervención: asentos, iluminación, escaleiras de paso, vexetación, etc.
A humanización complétase coa execución dunha beirarrúa pola estrada Puxeiros-Mos que conectará o vial pavimentado co Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso. Ademais realizarase un proxecto de iluminación con luminarias integradas no pavimento en diálogo co lugar e a intervención, e retiraranse as liñas aéreas (que serán soterradas) e as luminarias sobre postes, que serán substituídas por luminarias sobre báculos.
Como xa se dixo, as obras comprenden a substitución do pavimento de aglomerado asfáltico por un pétreo (enlosado de granito/adoquín con solera de formigón baixo o pavimento) máis acorde co entorno, o que conlevará tamén unha renovación das instalacións, dotación de novas non existentes e reordenación do conxunto dos espazos adxacentes á Igrexa co consecuente novo amoblamento e deseño. Os traballos de xardinería incluirán un estudo da vexetación existente para a súa mellora ou substitución. Xeración de novas sombras nos itinerarios propostos e axardinamento de baixo porte nos espazos ou percorridos que así o requiran.