A obra iniciouse a semana pasada e consiste na drenaxe pola parte traseira e na impermeabilización da cuberta de tres grupos de panteóns.
Esta mellora do cemiterio de Torroso consiste na drenaxe de tres grupos de panteóns pola parte traseira dos mesmos, xa que existían filtracións de auga nos nichos, co obxectivo de impermeabilizalos. Un dos grupos ten 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous 48 metros cadrados cada un. Nestes momentos os traballos atópanse en fase de desterre e limpeza da laxa superior, necesaria como preparación previa para poder executar a impermeabilización superior dos panteóns.
O orzamento investido nesta obra ascende a 25.000 euros, subvencionado íntegramente pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia. A maiores desta obra, os veciños decidiron actuar tamén noutra zona para mellorala. Esta, xa rematada, consistiu en acometer a cuberta de varios panteóns.
O proxecto de drenaxe no cemiterio municipal da Gándara-Torroso, ten como obxecto darlle solución inmediata aos problemas de filtracións e humidades nas sepulturas e nichos do cemiterio, co fin de evitar afundimentos. A mellora é especialmente importante na zona máis antiga do cemiterio.