Redacción 17/09/2020

Alcaldía do Porriño insta por carta a 15 alcaldías de Concellos afectados pola crise da empresa “Maderas iglesias” a formar unha fronte común.

Hoxe saíron as quince cartas que Eva García de la Torre dirixe aos seus homólogos nas alcaldías dos concellos tamén afectados, coma O Porriño, pola crise da empresa “Maderas Iglesias”, ubicada no polígono industrial das Gándaras.

 

A rexidora porriñesa insta a formar “unha fronte común que acade protexer o futuro económico dos traballadores cos mecanismos que conta a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria”.

Eva García expresa na súa misiva “considero que un grupo institucional de alcaldes e alcaldesas teremos a fortaleza para chegar ao máis alto da administración autonómica”.

As cartas dirixironse aos alcaldes e alcaldesas de Salvaterra, Ponteareas, Mos, Vigo, Salceda de Caselas, Tui, As Neves, Redondela, Tomiño, Mondariz, Fornelos de Montes, A Guarda, Moaña, O Rosal e Soutomaior. Xunto co Porriño, todos eles contan con traballadores afectados que son veciños dos seus respectivos concellos.

Actualmente “Maderas Iglesias” ten 148 traballadores en nómina. Hai nove anos, chegou a superar os 800 pero o estoupido da burbulla inmobiliaria afectoulle reducindo a fabricación de tarima flotante. Leva unha década en perdas e cunha imparable redución de plantilla con nove EREs consecutivos.

Na reunión que mantiveron o pasado luns 14, os representantes dos traballadores coa alcaldesa, expuxeron a súa inquedanza polo inminente anuncio da poxa do inmoble da fábrica como consecuencia dunha resolución do Xulgado nº 3 do Porriño, segundo sentenza do pasado mes de agosto. O inmoble está valorado en 28 millóns de euros por unha peritación xudicial pero os traballadores temen que se sexa vendido por unha cantidade moi inferior e con miras ao negocio inmobiliario.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad