O vindeiro sábado 19, seis finalistas amosarán distintas disciplinas de arte urbana na que o negro será a única cor empregada sobre distintos elementos
A Concellería de Cultura do Concello do Porriño presentou hoxe a final do concurso “Batalla de Debuxantes ImprovisDado” que terá lugar o vindeiro sábado 19, ao abeiro da programación das Festas do Cristo 2020. A partir das 17.00 h na praza Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello.
Chegan a esta fase final 6 artistas que resultaron elixidos entre os que se presentaron na primeira fase da convocatoria. Un deles procede de Ibiza e os restantes de diferentes puntos de Galicia entre os que hai unha ilustradora, un arquitecto ou un especialista graffiteiro.
Os finalistas terán 90 minutos para realizar o seu traballo artístico de temática libre sobre un soporte ríxido que pode ser unha parede, unha peza de mobiliario ou outro tipo de obxectos. Terán liberdade para utilizar o utensilio de pintura que desexen, pero a obriga de que sexa coa técnica de man alzada e tan só de cor negra.
O gañador que determine o xurado -integrado por profesionais relacionados co debuxo- acadará un trofeo orixinal e un premio en metálico de 200 €; o segundo premio está dotado con 150 € e o terceiro con 100 €.
A achega da ópera ás rúas, tamén formará parte do sábado, podendo disfrutar deste xénero musical dunha forma distinta ao que estamos acostumados.
Este certame é unha novidade na programación cultural do Porriño, que está organizado pola Oficina Municipal de Información a Xuventude -OMIX- e producido por “Vella Escola”. “Constitúe unha primicia a nivel mundial xa que é a primeira vez que se fai este tipo de certame e será no Porriño”, reivindicou a concelleira de Cultura, Camila Moreira.
Do mesmo xeito, en representación de “Vella Escola”, Pablo Castiñeira agradeceu á concelleira e ao Concello do Porriño “por esta oportunidade para traer novos proxectos e formatos, sempre é de agradecer que haxa Administracións sensibles a novas propostas”, manifestou.