Redacción 15/09/2020

A sede da Deputación en Vigo acolleu a entrega de premios do certame de relatos curtos de Afaga ao que concorreron 120 obras 

O deputado Carlos Font fixo un recoñecemento ao “excepcional traballo da asociación”, que axuda a máis de 250 familias de persoas con Alzheimer

 A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo foi escenario esta mañá da entrega de premios do sexto certame de relatos curtos sobre alzheimer “Nun recuncho da memoria”. Un total de 120 obras participaron no concurso, organizado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (Afaga), moitas delas chegadas desde diferentes comunidades españolas, outros países europeos e o norte e sur de América.  O deputado Carlos Font considerou un “orgullo” para a institución provincial acoller este acto na súa nova sede en Vigo e recoñeceu o “excepcional traballo” da asociación, que axuda a máis de 250 familias e presta servizos en dez concellos da provincia.

Na modalidade de galego resultou gañador Javier García Bello co relato “Avoíño” (dispoñible aquí), mentres que en castelán a vencedora foi Valeria Rey Maldonado, con “Memorias para oler” (ler). Ámbolos dous – Javier presente na cerimonia e Valeria desde Madrid co envío dun vídeo- expresaron o seu agradecemento polo premio. O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, lembrou que “este é un ano especialmente complicado polo que está a acontecer coa pandemia da Covid-19, xa que se a situación para as familias e as persoas con demencia é moi difícil, derivou en tráxica e desorientadora coas medidas de confinamento”. Rodríguez salientou o traballo do persoal sanitario, os coidadores e as coidadoras, e defendeu que, máis que nunca, demóstrase a necesidade duns servizos sanitarios públicos de calidade. “É fundamental un sistema que proporcione os recursos intermedios que garantan os coidados”, explicou, para resaltar e agradecer tamén o “imprescindible labor das familias”. 

Carlos Font mostrou en representación da presidenta Carmela Silva o agradecemento da Deputación ao traballo de Afaga, e destacou a calidade dos relatos, que son “unha chamada á conciencia da sociedade sobre o Alzheimer e outras demencias”. O deputado advertiu de que “a pandemia debe facernos reflexionar a todos sobre a necesidade de atender ás persoas que máis o precisan, que deben ser os grandes beneficiarios do Estado de benestar”. Neste sentido concordou coas palabras do presidente da asociación ao considerar prioritaria unha sanidade cos medios axeitados, e reafirmou o compromiso da Deputación coa axuda social a través de diferentes instrumentos e programas que dotan de recursos aos concellos e as asociacións da provincia. Ademais, Font celebrou que a nova sede da Deputación en Vigo, situada na rúa Eduardo Chao, se teña convertido desde a súa inauguración en xaneiro nun centro dinámico no que teñen lugar actos sociais, culturais e doutra índole cidadá xunto coa actividade propia da Deputación. “Queremos que este sexa un lugar de encontro en pleno corazón do Casco Vello”, remarcou. 

Heroes e heroínas

No acto tamén participou Raúl Pérez, gañador da anterior edición do relato en galego. Raúl leu a súa emotiva obra ante o público, entre os que estaban familiares de enfermos e enfermas e persoas integrantes da directiva de Afaga, e chamou “a valorar aos nosos maiores, que son verdadeiros heroes e heroínas”, para os que pediu un aplauso.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad