Redacción 12/09/2020

A agrupación do BNG local denuncia que a Xunta de Galiza pretende que o persoal dos centros de ensino asuma a responsabilidade de garantir a saúde do estudantado, e reclama máis recursos humanos e económicos. A improvisación da Xunta e a falla de garantías provoca a dimisión da equipa directiva do IES de Mos, que continuará traballando na preparación do curso até que reciba resposta da Consellería.

 

O BNG de Mos expresou o seu total apoio á equipa directiva do IES de Mos, que presentou esta semana a súa dimisión, así como a todo o persoal docente e non docente (de administración, limpeza, conserxes, bedeis, etc.). Do mesmo modo, o Consello Local quere reiterar a súa inquebrantable aposta pola educación pública.

A organización nacionalista leva denunciando dende hai varias semanas a improvisación e o abandono de funcións por parte da Xunta de Galiza e da Consellería de Educación. Dende o goberno galego pretenderon facer recaer sobre os centros educativos e o profesorado non só a responsabilidade de educar, senón tamén a de garantir a súa seguridade e a súa saúde. Todo isto, sen recibir nin o máis mínimo apoio dende as administracións, nin a través dun reforzo de persoal nin en forma de recursos materiais. O nivel de improvisación é tal, que en apenas tres semanas a Xunta modificou as condicións do inicio escolar ata en tres ocasións. Por mor desta falta de planificación, foi preciso atrasar o inicio do curso nos centros de secundaria unha semana.

O BNG quere poñer en valor o labor feito polo profesorado e persoal non docente. Reclama máis recursos financeiros e humanos para converter as escolas e os institutos en “templos de saber e valores”, mas tamén en lugares seguros fronte á pandemia. Segundo o BNG de Mos, o Presidente da Xunta non pode facer deixamento das súas funcións e debe poñer todos os medios dispoñibles a disposición da Educación para facer fronte a esta situación. Consideran que esa é a prioridade fronte á inauguración de “rotondas con luces de cores ou estradas que non levan a ningures só para saír nunha foto e vender propaganda”. É nestas situacións, de acordo coa argupación local, cando a política con maiúsculas ten que saír a relucir e os “politicallos” deben desaparecer para que os intereses da cidadanía prevalezan sobre o electoralismo.

Por todo isto, o BNG de Mos quere ofrecer todo o seu respaldo a todas e todos os profesionais da Educación Pública, facendo unha mención especial ás equipas directivas dos nove centros públicos do concello. Os membros do Consello Local e o portavoz na corporación municipal, Gustavo Barcia, asumen o compromiso de facer todo o posible para que dende o eido local, provincial, nacional e estatal se atendan as demandas da comunidade educativa. Por dignidade, por saúde e por decencia.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad