Os animais, que teñen entre un e dous meses de idade, recupéranse nas instalacións de Armenteira, a pesar de que algúns entraron en condicións críticas
O centro de acollida dependente da institución provincial leva acadadas no que vai de ano un total de 352 adopcións
Persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra rescatou nas últimas dúas semanas a un total de 28 cachorros, pertencentes a catro camadas, nos concellos de Salvaterra, A Cañiza e Meaño. As crías, cuxas idades oscilan entre o mes e os dous meses, estanse a recuperar nas instalacións da Armenteira, precisamente na nova zona de maternidade que estreou a principios do mes de agosto.
A primeira das camadas, de sete cachorros, foi recollida no concello de Salvaterra o 18 de agosto. Os catro machos (“Medo”, “Salvo”, “Salvado” e “Savo”) e tres femias (“Meda”, “Sava” e “Salvada”) foron atopados coa súa nai “Medai” en condicións críticas, con diferentes patoloxías e moi débiles, pero afortunadamente están a evolucionar de xeito favorable. Teñen agora dous meses de idade e están conseguindo saír adiante cara súa futura adopción. Neste senso, hai que lembrar que os animais do CAAN non poden abandonar o centro ata ter completado o seu cadro de vacinacións.
Posteriormente, o día 24 o CAAN rescatou a dez cachorros dunha zona de moi difícil acceso nun monte da Cañiza, despois do aviso dun particular. Neste caso, non se puido recoller nesa xornada á nai e os catro canciños e seis cadeliñas están a evolucionar moi ben, a pesar de que foron recollidos con apenas un mes de idade. Trátase de “Astra”, “Cana”, “Corsa”, “Saura”, “Landra”, “Algrava”, “Barrilo”, “Ouro”, “Mercurio” e “Granito”.
Finalmente, o 2 de setembro recolléronse outras dúas camadas de 5 e 6 cachorros en Meaño, a segunda delas coa súa nai. “Perla”, que así se chama esta última cadela, está a recuperarse nas instalacións da Armenteira xunto a seus dous cachorros “Per” e “Perlo” e as súas catro cadeliñas (“Perlona”, “Perlina”, “Perniña” e “Rula”), que se calcula que teñen apenas un mes de idade. Doutra banda, a camada de cinco cachorros recollida na mesma xornada está formada por cinco machos, “Jalo”, “Benson”, “Toyo”, “Gudel” e “Rock”, e o persoal do CAAN calcula que teñen mes e medio.
O contrapunto destas recollidas de animais abandonados está no excepcional ritmo de adopcións que está a acadar o CAAN este ano. Ata hoxe foron xa 352 os cans e cadelas que desde o centro atoparon un novo fogar non só na provincia, senón en distintos puntos da xeografía galega e española e mesmo en Portugal. A cifra está xa próxima ao récord de adopcións logrado o pasado ano, dun total de 466, de xeito que incluso podería superarse a previsión de 500 adopcións que se mantiña para este 2020.
A meirande parte destas adopcións (310) realizáronse por cidadáns de Galicia, aínda que hai que destacar que 12 cans e cadelas atoparon novo fogar en Portugal e os restantes 30 animais viaxaron a outras comunidades españolas como Asturias, Castela-León, Castela-A Mancha, Cataluña, Navarra, Madrid e Andalucía.
No que respecta ás adopcións en Galicia, a maioría (245) formalizáronse na provincia de Pontevedra, pero hai que destacar as 45 realizadas por persoas de Lugo e 19 en A Coruña. E, dentro da provincia pontevedresa, a maioría dos cans e cadelas foron adoptadas por cidadáns de Vigo (28) e Pontevedra (27), seguidas polas formalizadas nos concellos de A Estrada (15), Meis (14) e Sanxenxo (13).