O autor de “O que arde” participou onte en Cans nun coloquio moderado por Alfonso Pato, e instalou despois a súa estrela no torreiro. O músico e escritor coruñés Xurxo Souto guiou un roteiro por Cans expoñendo a historia e tradición musical da parroquia.
O director de cine Óliver Laxe mantivo onte un coloquio no Festival de Cans. Falou da súa vida actual nos Ancares: “Estou traballando a mirada”, dixo. Tamén falou sobre próximos proxectos cinematográficos, se ben deixando claro que agora mesmo non son unha prioridade.
Para cando o sexan, explicou, ten un proxecto no que leva “moitos anos” traballando. Na historia, contou, na que “hai unha panda que busca unha festa, unha rave, que hai en Marrocos nas dunas. E van buscala -a rave- coma quen busca o grial. É unha película que xa escribira en Marrocos pero tiven a necesidade de facer -antes- O que arde. Non teño moita presa. Teño unha versión de guión. Quero que sexa unha peli máis de xénero, mais de cine popular, pero esperemos con alma. É dar un paso adiante e facer unha película que se instale en espazos máis populares, en centros comerciais…”.
O coloquio moderouno o director do Festival, Alfonso Pato. E xerou un interesante intercambio de impresións tamén co público. Oliver Laxe falou dos seus proxectos nos Ancares, da súa relación coa natureza. “Estou no sitio no que teño que estar e facendo o que teño que facer”. Logo do coloquio, puxo a súa estrela no Torreiro de Cans, a carón da de Benedicta Sánchez, quen pasou por Cans o pasado xoves 3 de setembro.
O coloquio completo está aquí: https://www.youtube.com/watch?v=G0zQeB9id0k.
Por outra banda, como xa é tradición no Festival de Cans, Xurxo Souto, escritor e cantante dos Diplomáticos de Montealto, acompañado polos acordeonistas de AcordeCans, guiou un paseo no que repasou a historia e tradición musical da aldea de Cans.