O ente provincial aprobou novas partidas para ambos municipios, que axudarán ao aforro e eficiencia enerxética (92.731,28 €) na Cañiza, e para a contratación de persoal (216.221,33 €) en Mos
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a recursos enmarcados no Plan Concellos 2020 por un valor de preto de 310.000 €. En concreto, as achegas irán destinadas ás vilas da Cañiza e Mos.
Para A Cañiza aprobáronse 92.731,28 €, con cargo á liña 1 de Investimentos do Plan Concellos, que terán como obxecto o aforro e eficiencia enerxética no alumeado público na parroquia de Valeixe. Para Mos aprobouse unha modificación de achegas da liña 3 de emprego por valor de 216.221,33 €, cos que o concello financia a contratación de 20 persoas.
Cos investimentos aprobados este venres o goberno de Carmela Silva leva destinados ata o momento 29,5 millóns de euros ao Plan Concellos 2020. Deles 18,2 millóns foron a parar á liña 1, concedéronse 2,7 millóns con cargo á liña 2 e aprobáronse 8,6 millóns para a liña 3.