COGAMI retoma a atención grupal no centro que ten en Mos para persoas con discapacidade
As persoas usuarias acudirán de maneira gradual ao centro, incorporándose o cen por cen a primeiros de outubro.
Un total de 19 persoas usuarias do centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Mos (Avenida do Rebullón, s/n Puxeiros) acudiron esta mañá ao centro para retomar a práctica das actividades en grupo, suspendidas durante o pasado mes de marzo tralo decreto do estado de alarma.
Esta decisión tomouse despois de establecer protocolos de actuación e recomendacións coordinadas entre profesionais de COGAMI e as Consellerías de Política Social e Sanidade, atendendo en todo momento ás especificidades e necesidades do centro mediante un traballo conxunto e fluído con ambas consellerías de cara a garantir unha atención integral centrada na persoa. Ditos procedementos posteriormente foron aprobados pola área sanitaria de Vigo.
Durante estes primeiros quince días, acoden ás instalacións un máximo do 50% das persoas usuarias do centro; o resto irá incorporándose de maneira gradual, sendo o 75% dentro de quince días e, a partir do día 1 de outubro, incorporarase a totalidade das persoas usuarias do centro. As persoas que non reciben a atención grupal, continuarán, como xa facían ata o de agora, coa atención telemática e individualizada dende as súas casas.
Co fin de cumprir coa norma vixente de seguridade, tanto para as persoas traballadoras como tamén para as usuarias, deseñouse un plan de acción que comprende unha enquisa clínico-epidemiolóxica diaria, a toma de temperatura, a utilización de máscaras, lavado de mans con auga e xabón, mantemento de distancia física, uso xeles hidroalcólicos, cobertura dun rexistro de control de acceso, ademais da desinfección de instalacións, vehículos e produtos de apoio.
O centro de recursos de Mos conta cun comité de coordinación formado por profesionais do centro que se encargará de actualizar, implantar e facer seguimento do plan de acción establecido para que a actividade no centro poida desenvolverse da maneira máis normalizada posible e acorde coa nova realidade que estamos vivindo.
Centro de Mos
COGAMI presta servizo no centro de recursos de Mos a 44 persoas con discapacidade dos concellos de Mos, Vigo, O Porriño, Nigrán, Salceda de Caselas, Ponteareas e Redondela. De luns a venres asisten a programas de formación, novas tecnoloxías, desenvolvemento persoal e habilidades sociais, estimulación cognitiva, obradoiros de prensa, coiro, decoración, xardín, artes plásticas e visuais, ademais de fisioterapia, atención psicolóxica e rehabilitación funcional e da linguaxe, terapia ocupacional, asistencia ás actividades da vida diaria,… En definitiva, COGAMI presta servizos para cubrir as necesidades das persoas con discapacidade e familias, co fin de lograr a mellora da súa autonomía e calidade de vida.