A subvención estará destinada ao financiamento de asesoramento técnico na elaboración dun plan de redución do consumo enerxético.
O Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía trátase dunha iniciativa impulsada hai máis dunha década a nivel europeo para implicar tamén ás administracións locais na loita contra o cambio climático. A iniciativa está coordinada desde finais de 2017 na Galiza pola Xunta.
Fai un ano que o Concello de Mos aprobaba por unanimidade en Pleno a adhesión ao Pacto e, desde entón, púxose en marcha a redacción da folla de ruta que seguirá con Concello nos próximos anos respecto do Pacto. O primeiro paso é a elaboración por parte do Concello de Mos do PACES, unha memorial anual do consumo enerxético dos edificios municipais e do alumeado público. Este documento atópase en proceso de elaboración, para o cal o Concello ven de coñecer a concesión dunha subvención autonómica que dá respaldo económico á confección do PACES.
Trátase dunha axuda concedida á administración local mosense por parte da Consellería de Medio Ambiente e dentro do programa de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía Sostible cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O Concello destinará a aportación económica desta subvención a traballos de asistencia técnica para a elaboración do plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES).
Unha vez rematado o PACES, este terá que estar aprobado polo Pleno da Corporación Municipal e correctamente rexistrado, telemáticamente, no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia oficina. O prazo límite para entregar este documento é o ano 2021. A redacción do documento “marcha a bo ritmo e cumprindo os prazos previstos”, segundo informou hoxe mesmo o concelleiro mosense de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas. Ademais, o edil agradeceu “o labor de apoio e asesoramento que brinda neste sentido a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á hora de participar no Pacto” e declarou que “desde este equipo de goberno estamos moi sensibilizados e concienciados co medio ambiente e co cambio climático, polo que desde a administración local estamos a esforzarnos ao máximo na elaboración do proxecto director e levaremos ata as últimas consecuencias a adhesión ao Pacto”.
Unha vez presentado o PACES e, en base aos resultados do mesmo, elaborarase o plan de medidas para reducir nun 40% as emisións de CO2 e de tódolos gases de efecto invernadoiro. Entre elas, promoveranse tanto medidas municipais como propostas para involucrar aos particulares, con iniciativas como por exemplo as vivendas con ‘etiqueta verde’, grazas ás que os veciños poidan beneficiarse de bonificacións e incentivos.
A partir do ano 2021, límite para a presentación do PACES, o Concello de Mos será obxecto dunha auditoría cada dous anos, na que se controle que a redución das emisións cumpre os parámetros estabelecidos. O cumprimento dos mesmos implicará beneficios para a administración local mosense, tales como prioridade e facilidades á hora de solicitar e recibir subvencións.