Catorce rochas contan con elementos datados dende o Neolítico á época moderna
Un total de catorce rochas con petróglifos realizados dende o Neolítico á época moderna conforman o conxunto situado no Alto do Coello, Fontiñas e Rozacús, en Randufe. Nun proxecto do Concello de Tui, financiado pola Deputación de Pontevedra, e coa colaboración da Comunidade de Montes de Randufe, a empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración levou a cabo a súa limpeza a posta en valor.
Onte á tarde tivo lugar unha visita inauguración desta actuación levada a cabo e que permitiu descubrir novos petróglifos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, xunto a outros membros da corporación, o presidente da Comunidade de Montes de Randufe, Ramón Martínez, e persoas interesadas en xeral asistiron onte á esta visita.
A actuación consistiu na limpeza, tala e roza da zona e na eliminación da vexetación superficial nas rochas. Isto permitiu descubrir novos gravados, xa que antes da intervención só se coñecían os existentes en cinco rochas, e na actualidade o número elevouse até 14 pedras que contan con petróglifos. Foron colocados tres paneis indicativos realizados en aceiro corten coa información sobre o conxunto e, realizado con corte por laser, a representación dos cabalos que aparecen nun dos petróglifos de Fontiñas. A carón de cada pedra colocouse un calco dos petróglifos existentes realizado con fotogrametría, o que permite ao visitante a súa mellor localización. O mellor momento para observalos é ao amencer ou ao atardecer, xa que neses momentos a luz existente fai destacar os sucos do gravado. Tamén se aconsella a visita de noite con lanternas.
Así neste conxunto podemos atopar muíños sedentes do Neolítico que poderían estar relacionados coa evidencia dun poboado prehistórico no Alto do Coello. Aparecen noutras rochas animais coma cabalos asociados á Idade de Bronce. Da mesma época poderían ser outros dos motivos representados coma círculos ou coviñas. Amais na práctica totalidade das rochas , posiblemente froito dun proceso de cristianización da zona, hai gravadas cruces, e mesmo nunha das rochas aparece un cáliz, que poderían corresponder á época medieval-moderna. A actuación realizada tamén permitiu recuperar a toponimia local coma é o caso do nome de Fontiñas.