Segundo informa o Concello, a empresa comezará a traballar no prazo dunha semana. Porén, non detalla o nome da adxudicataria do servizo nin o valor do contrato.
A finais do pasado mes de xullo, o Concello informou do procedemento de contratación dunha empresa a maiores que participaría na execución subsidiaria da limpeza de fincas incluídas no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Onte anunciou xa que o proceso está finalizado e a contración dunha empresa adxudicataria do servizo, que comezará a actuar no prazo dunha semana.
As execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais empezaron a principios de xuño e refórzanse agora coa contratación desta empresa. Neste senso, e para tranquilidade dos denunciantes, procédese a limpeza de fincas con expediente sancionador de Medio Ambiente que non foron limpadas polos seus propietarios no prazo establecido. E comunícase, para coñecemento dos propietarios que, ante calquera dúbida, poden chamar por teléfono á concellería de Medio Ambiente (986 09 70 37) para pedir cita e acudir a aclarar as cuestións que se dean a este respecto.
O Concello pide calma aos veciños denunciantes, xa que desde que formalizan a denuncia ata que se executa a limpeza subsidiariamente é precisa a realización dunha serie de trámites administrativos que levan tempo. Este procedemento atópase incluído no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que o Concello de Mos aprobou tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, SEAGA e a Fegamp.
O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é de elaboración, execución e actualización obrigatoria para os Concellos e se integrará dentro do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) e dos Plans de Distrito; así como no Plan de Emerxencias Municipal, sendo redactado por un titulado universitario forestal. Este Plan Municipal inclúe aproximadamente 15.000 fincas inventariadas cuxos propietarios deben proceder á súa limpeza.