Redacción 20/08/2020

A compañía encargada do servizo confirmou a proposta tras concretar xornada laboral, categorías, salarios e organización que foron aceptadas tras unha nova reunión mantida esta tarde

 

 

A empresa que se encarga da recollida de lixo do Concello do Porriño -Narom SL- confirmoulle hoxe ao cadro de persoal que estudará a proposta de subrogación co obxectivo de asumir os sete traballadores adscritos ao servizo. Os responsábeis de Narom e do Concello seguirán a negociar coa representación dos empregados para concretar a xornada laboral, as categorías profesionais, os salarios, a organización do traballo e o calendario laboral.

A predisposición da empresa a subrogar foille trasladada ao persoal de recollida de lixo na xuntanza celebrada esta mesma mañá e na que participou o secretario de Organización da CIG Servizos, Pedro Pérez.

A reunión tivo lugar despois de que o Concello se comprometese onte coa representación dos traballadores a esixirlle a Narom, que asumise a todos os operarios. Fixo falta que os afectados desenvolvesen a primeira das mobilizacións previstas diante do consistorio -que tivo lugar onte pola mañá- para que os responsábeis municipais os convocasen a un encontro, no que lles aseguraron que hoxe a primeira hora se sentarían coa empresa para esixirlle a subrogación.

A compañía considera que ten que estudar estas cuestións para establecer o calendario de ocupación do cadro de persoal, porque dubida que exista carga de traballo para todos. “Nós entendemos que si hai ocupación efectiva e consideramos que os sete operarios son necesarios, tendo en conta que existen dous equipos de traballo (de tres persoas cada un) para dous camións, ao que habería que sumar unha persoa máis para as libranzas”. Neste senso, o responsábel sindical lembra que os empregados do servizo teñen un incentivo económico por traballar os domingos e un día libre a maiores.

Unha vez celebrada a xuntanza entre o Concello e Narom, a representación dos traballadores foi informada da intención da empresa de subrogalos “pero antes habería que concretar aspectos como a xornada laboral, as categorías profesionais, os salarios, a organización do traballo e o calendario laboral”, explica Pérez.

Precisamente para negociar estas cuestións, as partes volveron xuntarse esta mesma tarde a partir das 18:00 h, na que se confirmou a subrogación respetando todas as condicións.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad