APETAMCOR tramita gratuítamente os recursos fronte as multas por estacionamento na explanada do Restaurante Castro
O obxectivo, é dar resposta ás inxustificables sancións impostas pola Policía Local do Porriño aos transportistas na zona de As Sequeiras, nun estacionamento que pertence ao Restaurante Castro e que, por tanto, é de propiedade privada.
Os afectados por estas sancións poden poñerse en contacto coa Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR), a través do número de teléfono 986 342 233, o correo electrónico correo@apetmacor.gal e/ou achegándose á súa sede do Porriño, situada no Polígono Industrial A Granxa 211, 1º.
As multas comezaron a primeira semana de agosto e, segundo as declaracións do concelleiro de Tráfico, Sergio Casal, a través dunha nota de prensa “responden ás repetidas queixas veciñais que demandaban que o Concello dera cumprimento á ordernanza municipal que prohíbe circular e aparcar ao tráfico pesado dentro do casco urbano”.
Dende APETAMCOR non entendemos esta actitude do Concello do Porriño, sobre todo tendo en conta que rexistra unha gran actividade industrial, e que esta zona non pertence ao casco urbano. Isto é, dita zona na que foron amonestados é unha parcela privada adquirida polo restaurante para o estacionamento da súa clientela.