Redacción 19/08/2020

A Deputación abre o prazo de inscrición para a cuarta Ruta Ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”

As Brañas de Xestoso, escenario deste novo roteiro guiado e gratuíto que se desenvolverá nos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada o vindeiro 30 de agosto

 

 

A Deputación de Pontevedra abre mañá, xoves, ás 9.00 horas, o prazo de inscrición para a cuarta das rutas ornitolóxicas programadas dentro da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife, que permitirá ás persoas que asistan coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das Brañas de Xestoso. Ofértanse 15 prazas para a excursión guiada de carácter gratuíto que terá lugar o 30 de agosto. A inscrición deberá facerse por vía electrónica na páxina web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).

 

O escenario escollido para a ruta ornitolóxica foi declarado Zona de Especial Conservación e está protexido pola Rede Natura 2000. Situada na zona norte e interior da provincia de Pontevedra, trátase dunha estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a lagoa Sacra de Olives.

 

Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árbores, o cuco ou a bubela. Así mesmo, é un magnífico lugar para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela, a aguia cobreira, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, entre outras.

 

Tras esta cuarta ruta, “Voando nas Rías Baixas” continuará cunha quinta excursión o 6 de setembro pola Serra do Suído, na Lama. “Voando nas Rías Baixas”, que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con este programa, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.

 

Estas rutas están a realizarse seguindo protocolos de seguridade e hixiene para facer fronte á crise xerada pola covid-19. Deste xeito, foi reducido o aforo de 25 a 15 participantes e establécense diferentes normas para os inscritos que inclúen o distanciamento interpersoal ou a limpeza e hixiene.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad