Redacción 17/08/2020

Reclama a Concellería de educación da Xunta de Galicia un curso escolar seguro e un novo centro para o colexio Fernández López

 

 

A Voceira do Grupo Municipal de EU SON DO PORRIÑO-SON EN COMÚN no Concello do Porriño  presenta para a súa aprobación unha moción que recolle cara o vindeiro día 10 de setembro comeza o curso escolar en Educación Infantil e Primaria, o 16 en Secundaria. Vivimos unha crise sanitaria dabondo coñecida. As novas que chegan son de inquedanza para toda a comunidade educactiva: especialmente para as familias e o alumnado cunha edade que o fai consciente da situación pero tamén para o persoal docente e de administración e servizos dos centros.

Nais e pais, e en moitos casos avós e avoas, non saben con certeza aínda que protocolos se van aplicar, se é que están xa deseñados, ou se a Consellería vai ir decidindo sobre a marcha.  O profesorado, moitos tamén con fillos e fillas en edade escolar, teme verse afogado entre tarefas burocráticas, desinfección e comprobación de distancias, e facendo de todo menos ensinar. Descoñécese se vai haber alternancia entre clases presenciais e teledocencia. De ser o caso, isto tería consecuencias en moitos fogares pola xa coñecida fenda dixital, que non deixa de ser un síntoma máis da fenda social. Tamén habería repercusións na conciliación da vida familiar e laboral, cargando de novo e coma sempre máis traballo sobre as mulleres.

Por todo iso, o Grupo Municipal de EU SON DO PORRIÑO-SON EN COMÚN, pretende coa presentación desta moción ante os grupos municipais acadar os seguintes acordos; Que a Concelleira de Educación se reúna coas Direccións e ANPAS de todos os centros de ensino do Porriño para recoller as súas inquedanzas, demandas e suxestións para o comezo e desenvolvemento do curso escolar 2020-2021 dun xeito seguro.

Que o Concello do Porriño traslade á Consellería de Educación estas achegas da comunidade educativa do Porriño e reclame un comezo e desenvolvemento do curso escolar 2020-2021 seguro e que garanta o dereito a unha educación pública e de calidade para todos os nenos e nenas do Porriño e a tranquilidade das súas familias.

Que á marxe das competencias da Consellería de Educación, se manteña desde o Goberno Municipal unha constante comunicación e coordinación cos centros de ensino, tanto Direccións como ANPAS, para reforzar ao máximo as medidas de control e prevención. Garantir saúde e educación é evitar tamén novos confinamentos e que mermarían aínda máis a economía do Porriño e repercutirían na vida das traballadoras e traballadores.

Que a Concelleira de Educación, en exercicio das súas competencias, poña en marcha a constitución do Consello Escolar Municipal, xa solicitado na anterior lexislatura por este grupo municipal. Hoxe máis que nunca é un instrumento imprescindible para artellar calquera medida encamiñada a acadar no ámbito municipal unha educación universal, pública e de calidade e xa non só na infancia e mocidade senón ao longo de toda a vida.

Que o Concello do Porriño esixa á Consellería de Educación a construción dun novo centro que substitúa ao actual CEIP Fernández López, que nin cubre as necesidades máis básicas nin reúne as condicións esixidas de seguridade e saúde.

Que para visibilizar todas estas demandas á Consellería de Educación, a Corporación Municipal promova, apoie e participe nun acto de reivindicación das mesmas na primeira semana de setembro. Unha manifestación ou concentración respectando todas as medidas de seguridade ao que estaría chamada toda a veciñanza que, como afectada que é, ha de ter o amparo do Concello sempre.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad