Unha necesidade urxente que se ve agravada pola pandemia da Covid, as instalacións teñen máis de 40 anos e resultan un posible foco de infección para @s 600 nen@s do centro
O Concello de Salceda de Caselas ven de solicitarlle á Xunta de Galicia que acometa a renovación dos aseos do CEP Altamira, unhas instalacións con máis de 40 anos de antigüidade que coa situación de pandemia que se está a vivir resultan un posible foco de infección para os 600 nenos e nenas escolarizados no centro, un dos máis numerosos de Galicia. Tamén o Consello Escolar, con representación do profesorado, pais/nais e o propio Concello, aprobou unha solicitude no mesmo senso, que lle foi trasladada xa á Xunta de Galicia. Se xa viña sendo unha necesidade urxente, esta situación vese agravada pola pandemia da COVID.
O Xefe Territorial, César Pérez Ares, comprometeuse xa fai máis de dous anos a que, unha vez se rematase a ampliación do CEP Altamira (realizada no 2018), se procedería á renovación dos aseos, tal como lle trasladou á directora do centro daquel momento, e tal como foi exposto entón no Consello Escolar. A día de hoxe os aseos seguen sen reformar polo que o Concello ven de remitir unha nova solicitude con un orzamento da obra precisa, facilitado por un construtor local, no que as obras ascenden a 32.350 € máis IVE no edificio principal, e 31.740 € máis IVE no edificio do ximnasio. As mencionadas obras deberían ser levadas a cabo canto antes pola Xunta de Galicia, para que o colexio estivese listo para ser empregado en setembro sen problemas de salubridade para @s nen@s.
Lembran dende o equipo de goberno que entre o ano 2019 e o 2020 son cinco as citas solicitadas coa Consellería de educación (tres co xefe territorial e dúas coa exconselleira), sen que se dese resposta a ningunha delas, no que dende o Concello se considera unha mostra de deslealdade institucional e falta de compromiso coa veciñanza, polo que a única fórmula dispoñible para este tipo de solicitudes pasa a ser a da comunicación escrita, agardando que deste xeito sexa atendida, en aras a garantir a seguridade dos nenos e nenas salcedenses.
Gela Ledo: “seguiremos a traballar para que as nenas e os nenos de Salceda teñan unhas instalacións como se merecen, e non do século pasado. Unha ensinanza de calidade ten moito que ver tamén coas súas instalacións”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “dende o Concello estamos a acometer as obras de mantemento e mellora precisas que nos corresponden para garantir un correcto inicio do curso escolar, polo que agardamos que a Xunta de Galicia, da cal dependen as competencias educativas, asuma as súas obrigas e responsabilidades e dea resposta a esta necesidade urxente canto antes”.