Redacción 12/08/2020

Os veciños interesados en contar con un no seu domicilio deben solicitalo formalmente a través do Rexistro Xeral do Concello.

 

O Concello de Mos informou de que xa non hai lista de espera de demandantes de composteiros no municipio mosense, sendo que todas as solicitudes existentes foron concedidas e xa entregadas a domicilio. Porén, aínda queda no Concello unha importante cantidade de unidades de composteiros dispoñibles para os veciños e veciñas que estean interesados en contar con un nos seus domicilios. As persoas que queiran solicitalos deberán facelo a través do Rexistro municipal, ben presencial ou ben telemáticamente a través da Sede Electrónica do Concello.

Estes composteiros sonlle concedidos ó Concello de Mos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, dependente da Consellería de Medioambiente, de xeito totalmente gratuito. O Concello entrégallos aos veciños solicitantes a domicilio cun manual de uso e unha explicación técnica para o seu correcto emprego, e fáiselles unha revisión anual do composteiro para garantir o correcto funcionamento do mesmo.

Costas declarou neste sentido que “continuamos coa campaña anual de composteiros para seguir a fomentar entre os habitantes do municipio a compostaxe, unha práctica que xa está bastante arraigada entre a veciñanza, como ven a demostrar a gran demanda que se rexistra”. O reparto dos composteiros faise a domicilio dos beneficiarios, unha vez alí, instalánselles e se lles explica como empregalos correctamente; e entregáselles ademais un manual de uso para consultar posibles dúbidas.

Esta iniciativa supón un paso máis na optimización da recollida selectiva de residuos no Concello de Mos. É crucial a axeitada xestión dos residuos para un mantemento sostible da localidade mosense. E é que cos composteiros se reutilizan restos de materiais orgánicos de orixe vexetal dando lugar a que a porcentaxe de residuos sometidos a tratamento final sexa menor o que supón unha gran vantanxe ambiental, económica e social. Ademais tamén lles permite ós particulares en posesión dun composteiro eliminar ou, polo menos minimizar, o uso de fertilizantes químicos como abono; e reducir o número de viaxes ós contedores para levar o lixo, posto que case a metade do lixo que se xera nos fogares galegos está formado por materia orgánica.

Cos composteiros existe a posibilidade de transformar a materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. A compostaxe é unha práctica tradicional en Galicia, consistente na separación dos residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando. A compostaxe doméstica é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas. O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante. A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.

Para obter un bo compost o mellor é utilizar unha grande variedade de materiais, tendo en conta que canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. No composteiro pódense depositar froitas e verduras, cascas de ovo, arroces e pasta cocidos, pan, pousos de café, té e infusións, cinzas e serrín, papel, cartón, xornais, restos de poda e de recolleita da horta, esterco de animais herbívoros, pó e peluxe do aspirador, pelos, teas naturais e plumas.

Dada a asúa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, o compost actúa en moitos casos como bactericida e funxicida; e é un excelente abono contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad