Redacción 11/08/2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de onte na presentación da 57ª edición Rías Baixas – Regata Mar de Maeloc 2020. O representante da Xunta recordou que, desde 2019, son celebradas tres das mellores regatas galegas, a das Rías Altas, a das Rías Baixas e o Trofeo Finisterre, nesta iniciativa que afianza a Galiza no liderado estatal e mesmo internacional da vela.

 

Neste sentido destacou a importancia do apoio e do patrocinio tanto das institucións públicas como das privadas. No primeiro caso lembrou que a Xunta, dentro das súas competencias, “apoiará aos clubs e ás federacións para que a práctica deportiva se poida realizar de modo seguro e co menor risco de contaxios”. Neste punto lembrou o protocolo FISICOVID- DXT GALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia e agradeceu o traballo da Real Federación Galega de Vela que “en todo momento prestou a súa colaboración para facer do protocolo da súa modalidade un protocolo adaptado e consecuente coa realidade que estamos a vivir”.

Neste punto lembrou que o deber das administracións debe ser “axudar en todo momento ao tecido deportivo e cumprir coas competencias que teñen asignadas”. No que respecta ao patrocinio deportivo privado, Lete Lasa felicitou ás compañías que se envorcan “ano tras ano cos mellores eventos deportivos de Galicia” e que envían a mensaxe clara de que “o retorno do patrocinio deportivo é inmenso”. “Os valores da actividade física deportiva e os seus evidentes beneficios conseguen unha imaxe de marca fresca, xovial e saudable, xerando maior confianza e seguridade e fidelizando mellor aos seus clientes”, apuntou.

Cara a fin do seu relatorio e tras lembrar algúns dos numerosos éxitos da vela galega, Lete Lasa fitou cara o futuro enumerando as competicións que elixiron a Galicia para a súa celebración como as 52 Super Series de vela, o Mundial de J80 ou o Europeo e o Mundial da clase 6 metros.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad