A Policía Local de Tui rexistrou na fin de semana catro alcoholemias positivas e cursou dúas sancións por non levar a máscara obrigatoria
Catro alcoholemias e unha proba por drogas positivas, dúas denuncias por non empregar a máscara, un vehículo atrapado e unha actuación nun presunto caso de violencia de xénero foron parte das actuacións realizadas na fin de semana polos efectivos da Policía Local de Tui.
Por unha parte os axentes cursaron dúas denuncias a dúas persoas por non usar a máscara e non amosar a vontade de poñela. Amais con carácter informativo advertiron a outras persoas sobre o seu uso, realizando un control durante a fin de semana do emprego obrigatorio da máscara.
Por outra parte en materia de tráfico a Policía Local denunciou a catro condutores que circulaban cunha taxa de alcohol superior á permitida. Unha das denuncias foi a unha condutora novel que deu unha taxa de 0,60 mg/l, superando en catro veces a permitida aos condutores con menos dun ano de carné.
Tamén en materia de tráfico os axentes auxiliaron a unha familia de turistas que ían pasar a fin de semana en Tui e camiño do hotel, segundo as indicacións do navegador, quedaron atrapados entre os muros de pedra nunha rúa. Un axente tras moitas manobras puido retirar o vehículo do lugar onde estaba atrapado, e posteriormente acompañaron á parella e aos seus fillo ao hotel onde tiña a reserva hostaleira.
Xunto coa Garda Civil a Policía Local acudiu na tarde do sábado a un presunto caso de violencia de xénero. Os axentes trasladaron á muller ao PAC de Tui mentres a Garda Civil detivo ao presunto agresor que se dera á fuga. A vítima presentou posteriormente denuncia no cuartel da Garda Civil.
Por outra parte o venres pola tarde a Policía Local acudiu a Malvas onde se rexistrou un lume forestal preto de vivendas. A rápida actuación da brigada forestal de Medio Rural, da Comunidade de Montes, dos veciños e dos axentes permitiu controlar o lume. Nas últimas semanas téñense rexistrado en Tui outros conatos de incendio en Pazos de Reis e Malvas, polo que dende o Concello se fai un chamamento a extremar as precaucións tendo en conta que estamos en época de alto risco de incendio forestal.
A Policía Local actuou tamén o sábado á tarde na Po-404 onde unha árbore cortaba a circulación no acceso á estación de tren de Guillarei.
Outras actuacións da fin de semana foron ante as chamadas dos veciños do conxunto histórico queixándose do ruído xerado polos locais de ocio nocturno, así coma por algunha festa privada no rural.