A Xunta de Galicia concede ao Concello de Mos unha subvención de preto de 370.000 euros para levar a cabo este programa de fomento do emprego.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos deu hoxe conta da concesión de subvención á administración local mosense por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para a realización do proxecto do Programa de emprego denominado “Mocidade no Camiño” para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe).
Así o informaron esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Promoción económica, desenvolvemento empresarial, emprego, educación, persoal e réxime interno, Julia Loureiro, quenes destacaron “a importancia da concesión deste obradoiro nestes momentos nos que a crise da COVID-19 xa está a facer visibles e acuciantes as necesidades económicas en moitas familias mosenses, así como a nefasta repercusión no mercado laboral e o aumento do desemprego”, declararon, e insistiron que “a pesar de non ter competencias directas en materia de Emprego, ésta é a principal prioridade do Concello de Mos nestes intres, por iso estamos a facer todo o posible para desenvolver políticas de apoio aos/ás desempregados/as, accións entre as que se atopa este obradoiro”.
Esta axuda enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.
A axuda ao Concello de Mos, ascende ao importe global de 369.492,32 euros, con cargo ao orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego e os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado, sendo a contía destinada para a gastos salariais de alumnos e traballadores de 235.553,12 euros.
O Programa de emprego denominado “Mocidade no Camiño” dará emprego durante un ano a 16 alumnos traballadores, persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e distribuídas nas especialidades formativas de deseño de produtos gráficos e multimedia (8 prazas) e xardinería e auxiliares de conservación de montes (8 prazas).
Os obxectos de actuación para a execución do desenvolvemento do proxecto son a actuación na Senda do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos mediante saneamento e poda de árbores, limpeza arredor dos árbores, mantemento de macizos e plantas, operacións de control fitosanitario, reposición de elementos e pequenas obras de mantemento; e a posta en valor do trazado do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos a través de actuacións de marketing e publicidade, a través da realización de materiais gráficos e multimedia, que poñan en valor a zona, e den a coñecer aos peregrinos, e á poboación en xeral, a riqueza natural e etnolóxioca existente ao longo do Camiño.