Redacción 06/08/2020

Segundo a organización ecoloxista, o Concello de Redondela dá un bo exemplo de como se deben limpar as praias, minimizando a retirada de algas e contribuíndo así a presevar o ecosistema. A bióloga Ana Pardo acompañou ao concelleiro de medioambiente, quen lle amosou in situ a nova xestión do areal de Cesantes, explicada neste video. 

 

Os ecoloxistas explican que retirar as algas das praias supón eliminar un piar básico para o mantemento do ecosistema litoral. Unha vez chegan á costa, as algas vanse degradando e liberando nutrintes, á vez que sirven de alimento para algúns invertebrados, como a pulga de mar (Talitrus saltator), que, á súa vez, forman parte da dieta de aves limícolas como virapedras (Arenaria interpres), píllaras (Charadrius sp.), pilros (Calidris sp.) ou biluricos (Actitis hypoleucos). Este proceso de “autolimpeza” periódico é fundamental para o mantemento da biodiversidade, pois, tal como explican os ecoloxistas, unha praia sen algas é unha praia morta.

Ana Pardo, bióloga da Ecoloxistas en Acción, explica que a achega de nutrintes proveniente deste proceso natural, non só é devolto ao mar, ademais, coas mareas viva. Ademais, moitas algas acumúlanse nos límites dunares ou ben son transportadas polo vento, unha vez secas, cara ao seu interior, achegando os elementos esenciais para a  supervivencia da vexetación das dunas; uns ecosistemas moi fráxiles, en preocupante perigo de desaparición, e que precisan ser conservados e restaurados.

Os métodos de limpeza con maquinaria pesada retirando todo o material acumulado na beiramar son agresivos tamén co medio físico, pois non só supoñen unha merma directa de area, senón que ademais inciden na perda desta por erosión. O cambio de sistema de limpeza, pasando dos métodos mecánicos aos manuais (orientados a recoller residuos tales como os plásticos ou latas, respectando as algas) é o aconsellable para o mantemento da biodiversidade e a conservación da propia praia. Por último, agradecemos o traballo de sensibilización cara ao medio ambiente que se está a realizar nas praias de Redondela e felicitamos a implicación da cidadanía en preservar o  patrimonio natural do seu municipio permitindo que a súa natureza se recupere. 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad