Redacción 05/08/2020

A modernidade da música galega entra nunha canteira en restauración no Porriño

O Festival Sons da Canteira celebra a súa primeira edición o 29 de agosto en Vilafría. Baiuca, Mercedes Peón, Laura Lamontagne & PicoAmperio e DJ/VJ Juanma Lodo unen a tradición galega coa vangarda electrónica. No sorprendente escenario de pedra proxectaranse videocreacións.

Sons da Canteira é un festival de música galega organizado polo Concello do Porriño que se celebra o 29 de agosto na canteira en proceso de restauración de Vilafría. Arrinca a súa primeira edición cun cartaz de catro artistas galegos da música e da videocreación nunha contorna de grande valor, coa motivación da recuperación do territorio.

Actúan Baiuca, Mercedes Peón, Laura Lamontagne & PicoAmperio e, abrindo o concerto, DJ/VJ Juanma Lodo. Todos eles proxectos moi persoais que achegan dalgún xeito a tradición galega á vangarda e á electrónica. A muralla de pedra serve de singular escenario e sobre ela empregarase videomapping para que os grupos emitan as súas proxeccións.

O Sons da Canteira establece estritos protocolos de seguridade para un aforo de 500 persoas. Ao realizar a compra escóllese cadeira ou mesa (até esgotar prazas). O público pode xantar mentres goza do espectáculo grazas a dúas food trucks. Os espectadores en mesa seleccionan menú con app móvil e reciben a consumición no sitio. Os de butaca piden na barra respectando a distancia de seguridade. O festival conta con persoal dedicado en exclusiva á limpeza e xestión de residuos.

AUTOBÚS GRATUÍTO COA ENTRADA E DESCONTOS PARA GRUPOS

As entradas saen á venda este mércores en www.woutick.es. O prezo oscila entre os 16,50 euros da individual, 13,75 ao mercar dúas, 12,38 se son catro e 11,92 para seis. Coa entrada vai incluído o bus desde a Avenida de Galicia do Porriño.

Baiuca

Folk electrónico e material audiovisual. Cunchas, frautas ou gaitas mestúranse con programacións, sintetizadores e voces tradicionais, cun abano de resultados, de territorios inesperados que entran no pop ou no industrial, abertos á exploración sonora. Baiuca transformouse nun dos referentes internacionais da música galega no 2019, mais detrás hai unha longa traxectoria, o proxecto previo do músico Alex Casanova (nacido en A Baiuca, Catoira) e o seu elegante pop electrónico. 

O concerto de Baiuca é o encargado de pechar o festival Sons  da Canteira. Acompáñase dun potente material audiovisual, músicos e voces nun repaso pola súa discografía entre Solpor (Raso, 2018), Misturas (Raso, 2019) e outros traballos de renovación da música tradicional galega.

Mercedes Peón

Pola súa traxectoria é a máis internacional e vangardista de todas as músicas galegas. Estivo presente en Estados Unidos, Chipre, Dinamarca, Nova Zelanda, Australia e en case toda Europa. Leva anos a renovar a música tradicional galega, enchéndoa de matices. Comezou cun profundo estudo de campo da tradición oral nas aldeas e na súa discografía presenta sons recollidos das súas investigacións. Fixo divulgación de todo o folclore vivo de Galicia a través do programa Luar, da Televisión de Galicia. Traballou na docencia, formou parte do grupo folk Xacarandaina, colaborou con Budiño, Os diplomáticos de Monte-Alto, Kepa Junkera, Carlos Núñez ou Mano Negra. 

A súa carreira en solitario comeza con Isué (Resistencia, 2000), despois Ajrú (Discmedi, 2003) ou Sós (Do Fol, 2010). En Déixaas (Altafonte, 2018) a música métese no sociopolítico, tira de sons do estaleiro de Navantia- Ferrol e crea un son rompedor.

Laura Lamontagne e PicoAmperio

Unha das grandes promesas do panorama musical galego é o dúo que fusiona o universo poético e folk de Laura LaMontagne e a experiencia hip-hop de PicoAmperio. Xuntáronse en xuño do 2019 e en menos dun ano deixaron pouso nos ciclos Mubea da Alhambra, Magia Roja ou BAM de Barcelona, San Froilán de Lugo ou Sinsal de San Simón. Tamén acadaron o primeiro posto nas listas demoscópicas de Mondosonoro do mellor do ano 2019.

O dúo aborda campos musicais que oscilan entre a tradición galego-portuguesa, ritmos electrónicos, hip hop e ambientes íntimos provocados pola evolución de superficies de loops musicais. Poesía propia e adaptación de clásicos como Rosalía, Pessoa, Lorca ou Martín Codax.

Juanma LoDo

Artista multimedia, deseñador, produtor, realizador e músico experimental, colaborou co colectivo Proxecto-Ds, fixo fotografía e edición no Dot Galicia Magazine ou en Prendas Públicas, dirixiu documentais e creou pezas de arte audiovisual para teatro ou museos. Destaca na experimentación sonora e visual con todo tipo de instrumentos e aparellos electrónicos. Abre os concertos do Sons da Canteira.

TAMÉN UNHA EXPERIENCIA GASTRONÓMICA NUNHA CONTORNA ESPECTACULAR

A Canteira de Vilafría está a rematar o seu proceso de restauración. O oco creado pola explotación eliminouse mediante un recheo para facilitar a cobertura vexetal e a reforestación da zona. Nesa contorna singular do festival poderase degustar o xantar elaborado nas food trucks: 

La Pavoneta: Especializada en comida sen glute (certificados por Acepa), pavo e opcións veganas. 

La Mariniere: Auténticas crêpes da Bretaña francesa nunha food truck que percorre Galicia. Salgadas, doces e opcións veganas. 

Todo está preparado para afrontar a situación xerada pola COVID-19. E a app de petición da consumición en mesa diminúe a posibilidade  de colas. Potenciarase, ademais, o uso de envases reciclados.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad