Ademáis, en resposta á non asistencia a reunións, Comisións e ó Pleno Municipal por parte de EU Son, poñen de manifesto que no Estatuto dos Representantes Locais, no apartado deberes dos concelleiros e concelleiras, como membros da corporación, no primeiro lugar aparece, e citan textualmente “Asistencia ás reunións dos órganos colexiados”
A Agrupación Municipal do PSdeG- PSOE de O Porriño quere manifestar o seu absoluto rexeitamento á nota de prensa, emitida o pasado venres, polo grupo municipal de EU SON do Porriño-SON en Común.
En primeiro lugar queren recordarlle aos asinantes da nota de EU Son do Porriño-Son en Común que o fan en calidade de Grupo Municipal e, polo tanto, o seu interlocutor non é o PSdeG-PSOE de O Porriño senón o Grupo Municipal Socialista, que forma parte do Goberno de coalición municipal.
Resulta inaudito que o grupo Eu Son do Porriño considere ilexítima á alcaldesa Eva García de la Torre, quen ten unha dobre lexitimidade como rexidora: á que lle otorgaron os votos dos cidadáns á súa candidatura -que acadou o dobre de representación ca candidatura de EU Son do Porriño-; e a que lle otorgou o Pleno Municipal por maioría absoluta dos concelleiros, incluídos os dous do grupo de EU Son do Porriño.
En canto á declaración de non asistencia a reunións, Comisións e ó Pleno Municipal –que é o máximo órgano de representación municipal- queremos poñer de manifesto que no Estatuto dos Representantes Locais, no apartado deberes dos concelleiros e concelleiras, como membros da corporación, no primeiro lugar aparece, e citamos textualmente “Asistencia ás reunións dos órganos colexiados”.
Esta decisión pon de manifesto a deixadez das súas funcións como representantes, dos seu electores en particular, e dos veciños de Porriño en xeral. Escudarse nunha suposta falla de información por parte do Goberno Local, ademáis de faltar á verdade, amosa a incapacidade política dese grupo municipal para desenvolver o seu traballo de oposición.
En relación aos supostos “incumprimentos” do Acordo de Investidura por parte da Alcaldesa que non explicitan na nota, o Grupo Socialista, que forma parte do Goberno Municipal, está priorizando na súa actuación, o saneamento económico do Concello.
Unha gran parte da facturación xa foi revisada e estudiada na anterior lexislatura, e contou co voto a favor do Grupo Municipal de Eu Son Porriño.
Están en marcha todas as licitacións dos servicios públicos, a pesar das dificultades que o Partido Popular, coa complicidade de Eu Son, poñen constantemente; atascando o servizo de intervención coa esixencia de informes non preceptivos, coa excusa recurrente e falsa de falla de información.
Dicir que rompen calquera interlocución co Grupo Socialista non lles exime das súas obrigas cos cidadáns, que din representar.
Os socialistas do Porriño pregúntanse si esta actitude de pasividade agocha unha incapacidade política para traballar dende a oposición, na solución dos problemas dos cidadáns de O Porriño.
Resulta indignante, ademais de esperpéntico, que se atrevan a dirixirse ao PSdeG-PSOE para que traicionemos a confianza que depositamos na nosa alcaldesa.
EU Son do Porriño non ten ningún argumento sólido para pedir a dimisión da Alcaldesa, que ten o apoio do PSdeG-PSOE de O Porriño. A única forma que ten o grupo municipal de Eu Son do Porriño-Son en Común de desaloxar a Eva García da alcaldía, é aliándose co Partido Popular.