Redacción 03/08/2020

As novidades foron propostas no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza POCTEP Migramiño, liderado pola Xunta desde o ano 2017 e que busca protexer e conservar os peixes migradores na conca do Baixo Miño

É a primeira vez que se establece unha base consensuada e común para xestionar os recursos pesqueiros nesta zona do Miño e nos seus afluentes galegos e lusos

 

 

A tempada de pesca para o ano 2021 comezará con novas normas de xestión dos recursos no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM). A proposta foi elaborada no marco do proxecto de cooperación transfronteirizo POCTEP Migramiño, liderado pola Xunta desde 2017, financiado con fondos europeos e que ten como obxectivo a protección e conservación dos peixes migradores nesta conca.

 

As novas normas adoptadas de cara ao vindeiro ano van destinadas a protexer as especies fluviais de interese preferente; en concreto, establécense vedas para o uso de redes de trasmallo, butrón e cabeceira, cañas e liñas, reducindo o período hábil de pesca. Tamén se definen por primeira vez cupos e tamaños no exercicio da pesca recreativa para o salmón (1 exemplar), reo e troita (8 exemplares), sábalo (1 exemplar) e saboga (5 exemplares) por pescador e día. No caso de pesca en embarcación duplícanse os cupos, excepto no caso do salmón, que se mantén sen cambios. Tamén se unifica a talla mínima para a pesca do reo e da troita en 25 centímetros.

 

Grazas ao proxecto Migramiño, esta será a primeira vez que se estableza unha base consensuada para a xestión dos recursos pesqueiros, co obxectivo de adoptar medidas e harmonizar criterios á hora de xestionar o aproveitamento das diferentes especies presentes na conca internacional do río. Parte destas medidas foron consideradas e aprobadas pola Comisión Permanente Internacional do Miño para o seu edicto de pesca 2021 e agárdase que o ano que vén tamén sexan de aplicación nos afluentes pontevedreses do río.

 

O documento no que se recolle esta proposta de medidas de xestión comúns para a pesca fluvial no TIRM e os seus afluentes foi desenvolvido contando coa opinión das administracións con competencias na xestión da pesca fluvial, expertos científicos e tamén entidades representantes de colectivos de pescadores de Galicia e do Norte de Portugal.

 

En total, acordáronse 31 medidas para lograr unha mellor conservación e protección do ecosistema fluvial, un aproveitamento óptimo dos recursos pesqueiros e unha mellor xestión e harmonización lexislativa da pesca profesional, artesanal e lúdico-deportiva.

 

Entre as propostas destacan a creación dun coto internacional de pesca recreativa de salmón, a restrición do uso do trasmallo na desembocadura do Miño e da rede de cabeceira, a unificación de cupos de troita e reo e a fixación de cupo para salmón, saboga e sábalo. Tamén se propón a unificación de cuotas e tallas mínimas para a troita nos afluentes galegos e portugueses, entre outras medidas.

 

No río Miño desenvólvese desde hai séculos unha pesqueira que aínda persiste na actualidade e que hoxe se concentra fundamentalmente na angula e na lamprea. Hoxe en día estas especies son un recurso moi importante para a actividade económica a ambos lados do Miño.

 

De feito, existen máis de 400 pescadores profesionais, 250 embarcacións activas e cerca de 300 pesqueiras en explotación utilizadas por 500 patróns e pescadores. A modo de exemplo, no caso da angula só durante a tempada 2019-2020 capturáronse 1.756 kg.

 

 

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad