Unha xurídica e unha psicóloga conforman o equipo que realizará un traballo conxunto cos Servizos Sociais
O Concello de Tui vén de pór en marcha un Programa Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero e en situación de vulnerabilidade denominado “Muller Tui”.
A súa presentación tivo lugar onte pola mañá na casa do concello por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Díz, xunto á traballadora social e as dúas técnicas do programa. Asistiron membros da corporación municipal xunto a axentes sociais e representantes de distintas asociacións.
Na presentación o alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalou o compromiso inequívoco do Concello de Tui coa igualdade destacando que por vez primeira se vai pór en marcha no municipio un programa integral para muller.
A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, destacou a súa satisfacción polo desenvolvemento deste programa co que dende o Concello se dará “resposta ao que nos parece que é unha clara necesidade das mulleres de Tui: unha atención especializada que teña en conta a desigualdade estrutural que aínda hoxe en día podemos percibir en tantas facetas da nosa sociedade respecto das mulleres polo simple feito de seren mulleres, e que esta pandemia viu a pór aínda mais de manifesto”. Amosou o seu convencemento en que as mulleres tudenses “o saberán aproveitar e será un gran paso na mellora do seu benestar, na dos seus fillos e por ende na da sociedade en xeral, comenta Dª Ana Núñez, concelleira de Igualdade.
O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, destacou a necesidade de poder contar cun este programa específico dirixido ás mulleres.
A coordinadora dos Servizos Sociais, Carmen González, sinalou a importancia deste día pola posta en marcha dun servizo que “permitirá traballar en conxunto e prestar unha atención global”. Silvia…, a asesora xurídica de Muller Tui apuntou que prestarán unha atención especializada en todos os aspectos, e psicóloga Mónica , aludiu a atención psicolóxica especializada que se vai prestar grazas ao programa.
O programa integral Muller Tui ten por obxectivo brindar un servizo de asistencia psicolóxica e asesoramento xurídico, pero tamén laboral e social a mulleres do Concello de Tui. Tamén busca impulsar a creación dunha rede de mulleres que, con acceso a estes recursos, sexan quen de mellorar a súa situación e proxecto vital e desenvolver a súa autonomía.
O programa está dirixido a mulleres tanto vítimas de violencia de xénero como a todas aquelas que se atopen en situación de vulnerabilidade: mulleres desempregadas, con baixa cualificación, con discapacidade, menores de 30 anos ou maiores de 45 anos, migrantes, con responsabilidades familiares non compartidas, etc. e que precisen unha atención e asesoramento especializado. Respectará sempre a vontade das persoas usuarias e terá en conta os distintos perfís das mulleres participantes e en todo caso aplicando a perspectiva de xénero e a realidade posta de manifesto tras a emerxencia sanitaria derivada da Covid 19.
As mulleres interesadas poden solicitar este servizo no correo muller@tui.gal e nos teléfonos 664 552 493 e 687 227 190.
Amais do servizo de asistencia psicolóxica e asesoramento xurídico o programa impartirá 9 obradoiro de formación durante o mes de agosto e o de setembro. Terán por obxecto mellorar a autoestima e a autoconfianza das mulleres e dotalas dos recursos necesarios para mellorar a súa participación social e laboral.
O programa conta co financiamento da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Igualdade e é confinanciado pola Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e polo Concello de Tui.