Redacción 28/07/2020

Durante o pleno de onte, a alcaldesa Nidia Arévalo presentou o seu plan económico e deu contas da situación financeira do Concello. A oposición opúxose e criticou a deficitária xestión que o goberno local realiza desde hai anos.

 

O Pleno do Concello de Mos celebrado onte tratou a Dación de Conta da liquidación do orzamento no ano 2019 e aprobou, cos únicos votos favorábeis do Partido Popular, o Plan Económico Financeiro 2020-21. Un ano máis, este plan foi deseñado polo Concello por imposición legal ao non cumprir a regra de gasto no exericio anterior.  

A rexidora celebrou durante a dación de conta da liquidación dos orzamentos do ano 2019 que a débeda do Concello si estea situada por debaixo do máximo legal, despois dos esforzos por reducila nos últimos anos. Porén, o informe sinala que a partida reservada para a amortización destas obrigas supera aínda o millón de euros. Recoñeceu que “o Concello non ingresa o suficiente para o que gasta” e sinalou que, para reconducir esta situación, o Concello non ten un plan de investimentos e financiará as obras con subvencións doutras administracións. 

Alén disto, o remanente de tesourería pechou 2009 cun saldo negativo de medio millón de euros, se ben a tendencia semella positiva. Nidia Arévalo felicitouse pola “importante contención do gasto” e pola mellora significativa do dato de estabilidade orzamentaria, que pasou a ser positivo no ano 2019.

A oposición, en cambio, votou en contra do plan e elevou críticas e propostas ao goberno local. O representante do BNG, Gustavo Barcia, salientou a ineficacia do Concello na xestión das contas e criticou que se felicite pola evolución das mesmas, pois continúan a darse importantes fallas. O voceiro nacionalista propuxo reducir a partida asignada a persoal de confianza e dedicacións exclusivas, que supera os 170.000 euros anuais. Gustavo Barcia quixo tamén reprobar outro dos puntos tratados durante o pleno: unha moción presentada polo grupo do PP de Mos a iniciativa da Asociación de Veciños de Vilar de Infesta de Redondela que, acompañados dunha representante do PP daquela localidade, estiveron presentes no Pleno. O BNG considera que este non debía ser o foro onde tratar ese asunto, senón que compete únicamente ao concello veciño. 

Por outra banda, o grupo GañaMos, amais de criticar a mala xestión económica e orzamentaria do goberno local do PP durante os últimos anos, denunciou a opacidade e cálculo electoralista do goberno pola demora na presentación deste plan, que xa estaba listo desde maio e non foi entregado aos grupos da oposición até recentemente. O seu voto desfaborável foi tamén motivado pola importante reducción de gastos incluída no plan, que suporá a perda de servizos para os veciños e de persoal. Roberto Rodriguez, en representación da asemblea GañaMós, sinalou tamén os erros nos orzamentos e lembrou que hai gastos que non foron asignados a ningunha partida, como puideron ser por exemplo os custos derivados da celebración das convocatorias electorais celebradas no último ano. 

Neste sentido tamén se pronunciou Victoria Alonso, voceira do PSdeG. A presentación deste plan, para os socialistas, demostra a ineficiente xestión do goberno de Nidia Arévalo. En declaracións a este xornal, a representante socialista salientou os tres millóns de euros en facturas que, desde 2019, o Concello debe pagar, e dos cales un millón e medio non están asignados a ningunha partida orzamentaria. Os socialistas critican que o Concello propoña no Plan económico para 2020-21 a implantación dun sistema de contratación menor que compare diferentes ofertas co obxectivo de aforrar e que, de maneira implícita, recoñece que non se facía até o de agora. Na mesma, no canto de aproveitar a situación da COVID-19 para aforrar en actividades lúdicas, como propón o Concello no seu Plan, Victoria Alonso propuxo empregar ese aforro na necesaria resposta á crise económica e social derivada da pandemia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad