Redacción 28/07/2020

Arranca no Castelo de Soutomaior o programa da deputación  “Música no ar”, que espallará a música de cámara por 14 espazos patrimoniais da provincia 

A estrea será este martes no Castelo de Soutomaior coa Orquestra Clásica de Vigo 

A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída ao programa “Música no Ar”, unha nas novidades máis ambiciosas da programación cultural deste verán. Será este martes, 28 de xuño, ás 19.30 horas, no Castelo de Soutomaior, co concerto da Orquestra Clásica de Vigo. A iniciativa, enmarcada en “Re-acción cultural”, o plan de 2,5 millóns de euros co que a Deputación está a espallar a cultura por toda a provincia, divulgará a música de cámara, de xeito gratuíto, por 14 espazos patrimoniais que abranguen dende castelos, como o de Soutomaior, ata mosteiros, pazos, fortalezas, espazos naturais e conxuntos patrimoniais dos concellos de Bueu, A Guarda, Lalín, O Grove, Covelo, Mondariz, Poio, Caldas, Forcarei, Baiona, Salvaterra e Agolada. 

Amais de levar a música de cámara á provincia, “Música no Ar” ten por obxectivos poñer en valor a “todas as persoas se dedican, con gran talento e virtuosismo, á renovación do xénero”, tal e como destacou Carmela Silva na presentación do programa. Deste xeito, actuarán no marco desta iniciativa grupos como a Orquestra Clásica de Vigo, Son Trío, Orquestra Filarmónica de Pontevedra, Orquestra 430, Alejo Amoedo e Iria Cuevas, Brais González e Beatriz Arenas.

Tralo concerto no Castelo de Soutomaior, “Música no Ar” viaxará con “Son Trío” este xoves, 30 de xullo, ás 21 horas, ata o Estaleiro de Bueu. Xa en agosto haberá un total de sete concertos, comezando o 5 de agosto ás 20 horas na Praza do Reló da Guarda a cargo da Orquestra 430 de Vigo e continuando o 6 de agosto ás 20 horas no Pazo de Liñares de Lalín, con Alejo Amoedo e Iria Cuevas; o 7 de agosto ás 21 horas  na Fábrica de Salga do Grove coa Orquestra Clásica de Vigo; o 9 de agosto ás 20 horas no Aserradeiro dos Carranos coa Orquestra Filarmónica de Pontevedra; o 11 de agosto ás 19 horas no Castelo de Sobroso coa Orquestra Filarmónica de Pontevedra; o 14 de agosto ás 19.30 horas no Mosteiro de Poio tamén coa Orquestra Filarmónica de Pontevedra e o 16 de agosto ás 20 horas na Carballeira de Caldas coa Orquestra Clásica de Vigo. 

En setembro, “Música no Ar” seguirá o seu curso o día 12 ás 19.00 horas no Mosteiro de Aciveiro de Forcarei, coa Orquestra 430 de Vigo, a mesma que o 18 de setembro actuará nos Xardíns do Arquivo Histórico de Baiona ás 19 horas e o día 19, tamén ás 19 horas, no Castelo Fortaleza Dona Urraca de Salvaterra. O domingo 20 de setembro ás 18 horas terá lugar o concerto de Brais González e Beatriz Arenas no Mosteiro de Carboeiro de Silleda e o programa rematará o 26 de setembro ás 18 horas na Praza do Concello de Agolada coa Orquestra Filarmónica de Pontevedra

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad