O festival de música tradicional galega Tradfest ten lugar hoxe en Compostela. Centos de persoas achegaranse ao parque de Bonaval e á praza da Quintana para gozar das actuacións dunha grande variedade de artistas e celebrar a nosa cultura popular.
As rúas do casco vello e o emblemático parque de Bonaval encheranse hoxe de música tradicional, con dúcias de artistas convocados no TradFest por segundo ano durante as Festas do Apóstolo. As circunstancias derivadas da crise pandémica imporán medidas especiais de seguranza, mas tamén inspiran nesta festa unha certa ilusión para o público e para o tecido de artistas, que espera que contribúa a superar as consecuencias do confimento.
Este ano só poderán acceder ao festival as persoas que tiveran reservado unha entrada. Os eventos comezaron ao mediodía e continuarán ata a noite, en diferentes puntos da cidade. O parque de Bonaval dispón de diferentes espazos onde haberá danza, música e canto popular, alén de obradoiros de música galega e internacional, e mostras de artesanía musical. Polo casco vello desfilarán as ruadas, mas o espazo central será a praza da Quintana, onde se celebrarán os concertos da Banda Municipal de Música xunto con Suso Baamonde e o peche protagonizado polo trío de pandeireteiras Tanxugueiras.