40 mulleres recibirán atención especializada en Salceda
O programa está elaborado dende a perspectiva de xénero e adaptado á realidade vivida por mor da pandemia da COVID 19.
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, acompañada da técnica de igualdade Irene Ojo, e da consultora Laura Seara, presentou esta mañá o Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero de Salceda, con actividades enmarcadas dentro do II Plan de igualdade municipal, que nos vindeiros dous meses realizará numerosos talleres iniciativas e que atenderán a 40 mulleres salcedenses.
O programa, que conta con orzamento de 8.000 €, nace da colaboración entre institucións, neste caso, entre o Concello, a Xunta de Galicia e a Unión Europea, e ten no foco a todas as mulleres, fundamentalmente ás máis vulnerables: vítimas de violencia de xénero, discapacitadas, maiores, desempregadas, migrantes, fogares monomarentais, etc.
Así pois, porase en marcha un Servizo Municipal de Atención Integral de Asesoramento Psicolóxico, Laboral, Social e Xurídico a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, que se prestará a demanda, e que as mulleres que o precisen poden solicitar a través do mail mulleres@salcedadecaselas.gal, que dará resposta á súa solicitude nun prazo máximo de 24 horas. A atención, a cargo de dúas avogadas, unha psicóloga e unha experta en atención social integral, poderá ofrecerse tanto de xeito presencial como telemático, para que cada muller poida escoller a forma que mellor satisfaga as súas necesidades.
O servizo de asesoramento compleméntase coa posta en marcha de cinco talleres e a correspondente creación de itinerarios de inserción e valorización de competencias que cada muller demande, así como a celebración de dous encontros con tódalas mulleres participantes para a posta en común das súas experiencias.
Os obxectivos fundamentais do programa son:
- Ofrecer un servizo de atención integral de asesoramento psicolóxico, laboral, social e xurídico a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, nomeadamente ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos ou fillas.
- Facilitar unha axeitada información sobre recursos existentes no Concello de Salceda de Caselas, na Xunta de Galicia e no Goberno do Estado en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero.
- Mellorar a participación social e laboral, fomentar a súa autoestima e autoconfianza.
- Previr situacións de violencia de xénero.
- Contribuír a mellorar a súa calidade de vida e o seu benestar.
Laura Seara, consultora de igualdade e ex secretaria de Estado de igualdade: “Coido que será unha experiencia e un proxecto que situará ás mulleres que máis o precisan no corazón a axenda política e de actividade municipal. Un reto e unha marabillosa responsabilidade para as formadoras e responsables do mesmo”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Espero que sexan moitas as participantes, que sexa importante a axuda, a capacitación e o coñecemento. Non me cabe dúbida de que estamos no camiño correcto, pois a pobreza segue tendo rostro de muller, e a fenda salarial é unha anomalía do sistema, no que os coidados non remunerados forman parte da vida cotiá das mulleres que os incorporan case dun xeito instintivo, como unha obriga, feito que se viu aínda máis acentuado durante a pandemia que estamos a vivir”.