Os festexos en espazos público requiren de autorización municipal e o cumprimento dunha serie de requisitos
O Concello de Tui fai un especial chamamento á responsabilidade e ao cumprimento da normativa para evitar contaxios pola COVID19.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, así o expón facendo especial fincapé na celebración de eventos privados ou públicos. Indica o rexedor que “estamos observando que os contaxios estanse producindo na realización de eventos, tanto de carácter público como privado, que supoñen a congregación dun determinado número de persoas”. Por este motivo fai un chamamento á responsabilidade dos organizadores deste tipo de eventos solicitando “moita cautela, sobre todo a aquelas concentracións familiares, xa que calquera tipo de concentración de persoas supón un risco serio e moi elevado de contaxio, sobre todo se non se gardan as normas establecidas”. Engade o rexedor tudense que os eventos públicos son os máis preocupantes. Nese senso lembra que requiren de autorización municipal, declaración do compromiso do cumprimento dos protocolos para evitar o contaxio pola COVID19 ou de seguro de responsabilidade civil. Advirte o rexedor que dende o Concello se vai ser moi estritos con aqueles eventos que non estean autorizados, polo que darán aviso ás forzas de seguridade para que inspeccionen e fiscalicen calquera evento que se celebre nun espazo público para que cumpra coas normas establecidas.
Ao tempo dende o Concello de Tui faise un chamamento tamén á responsabilidade individual de cada un de nós para o uso de máscara, lembrando a súa obrigatoriedade, e para gardar a distancia de seguridade establecida.