Redacción 20/07/2020

A obra consiste na drenaxe pola parte traseira e na impermeabilización da cuberta de 3 grupos de panteóns.

 

O tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras mosense, Camilo Augusto, reuniuse xunto co arquitecto municipal no Cemiterio Municipal de Torroso, con representantes da Asociación de Veciños da parroquia, para realizar a verificación dos traballos a acometer no cemiterio e que se iniciarán de xeito inmediato, pois o procedemento de contratación xa se atopa rematado e seleccionada a empresa adxudicataria da obra.

A mellora do cemiterio de Torroso consiste na drenaxe de 3 grupos de panteóns pola parte traseira dos mesmos, xa que existían filtracións de auga nos nichos. Deste xeito acometerase a impermeabilización da cuberta dos 3 grupos de panteóns. Un dos grupos ten 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous 48 metros cadrados cada un. O orzamento a investir nesta obra ascende a 25.000 euros, subvencionado íntegramente pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.

Para elo asinouse un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Concello de Mos para a execución do proxecto denominado drenaxe no Cemiterio Municipal da Gándara-Torroso.

A maiores desta obra, os veciños decidiron actuar tamén noutra zona para mellorala. Na devandita actuación a Asociación Veciñal actúa como intermediaria, e o Concello realizará a súa aportación, nesta obra que se acometerá a maiores da do drenaxe.

Convenio coa Xunta

Pola súa banda o proxecto denominado drenaxe no cemiterio municipal da Gándara-Torroso, ten como obxecto darlle solución inmediata aos problemas de filtracións e humidades nas sepulturas e nichos do cemiterio, co fin de evitar afundimentos.  A mellora é especialmente importante para a zona máis antiga do cemiterio.

Así pois, o convenio de colaboración entre a administración local mosense e a Consellería de Presidencia responde ao interese público e social que representa a acción de fomento da execución dunhas actuacións imprescindibles para o normal funcionamento da entidade local.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad